MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACI?N A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

2.2 Estudos internacionais e a realidade próxima: monitoreo 2005

O Proyecto Global de Seguimiento de Medios é unha iniciativa que impulsa WACC, unha ONG británica, coa intención de amosar cal é a presenza real de homes e mulleres nos informativos de radio, televisión e nos xornais. Esta iniciativa, que se desenvolve cada cinco anos dende 1995, consiste en analizar mediante uns códices, iguales para tódalas persoas que participan no estudio, as noticias dun día. A última edición tivo lugar o 16 de febreiro de 2005. Trátase dunha análise sincrónica que permite levantar un mapa da representación de xénero en todo o mundo para comparar e observa-lo incremento que se produciu neste período en canto á presenza cuantitativa de mulleres nas noticias, asemade como detectar con qué tipo de imaxes aparecen representadas. Este estudo está planeado dende a perspectiva de xénero, por tanto téñense en conta as mesmas categorías para ambos sexos, un elemento moi útil que permite establecer comparacións de xénero, ademais das temporais. Outro aspecto a ter en conta é que o estudo lévase a adiante sobre a mesma información, isto é, no territorio estritamente xornalístico, un espazo considerado pola mesma profesión e tamén en xeral pola sociedades, como o de maior prestixio e credibilidade.

Estudos internacionais como o Global Media Monitoring Project 2005 amosan que houbo un puntual incremento da presenza das mulleres nos informativos (pásase do 17% en 1991 ao 21% dez anos despois); estas porcentaxes están aínda moi lonxe de reflectir a participación activa das mulleres, que en España acada o 41,50%. As mulleres aparecen fundamentalmente relacionadas cos contidos brandos, é dicir, aqueles (como os de carácter social ou cultural) que non se encontran entre os valorados como máis importantes por parte do xornal. Segundo os datos do último estudo do Global Media Monitoring Project para o ámbito español, un terzo das mulleres aparecen nas seccións de xente e cultura, outra terceira parte nos contidos relacionados con sucesos e só o terzo restante aborda outros modelos de protagonismo feminino. Os medios asumen unha función regresiva en relación coa representación que das mulleres fan nas súas páxinas, en canto que non son quen de visualizalas na xusta medida marcada polo papel que hoxe en día ocupan na sociedade e en canto que seguen a difundir estereotipos de índole patriarcal. A cobertura mediática das mulleres políticas é exemplo dese inmobilismo dos medios. Os medios de comunicación non aplicaron as políticas de discriminación positiva nos seus contidos que si foron aplicadas no reparto dos postos máis altos dos gobernos autonómico e estatal. As mulleres son noticia non por aquelas cuestión que están en relación directa cos problemas que lles afectan, senón en función dos intereses impostos polo seu rol social. De aí o dominio das mulleres nos contidos da prensa rosa ou da súa representación como obxecto sexual.

Os medios de comunicación seguen a difundir visións estereotipadas de xénero, baseadas nos estereotipos determinados pola sociedade e nos modelos tradicionais nela asentados, modelos que inciden na discriminación cara ás mulleres. As mulleres son pouco abordadas nos medios de comunicación como protagonistas e como fontes, os movementos feministas e organizados de mulleres son invisualizados, a perspectiva de xénero é ignorada e, en estreita relación co anterior, os temas relacionados cos problemas que lles afectan especificamente ás mulleres son pouco tratados, agás aqueles ligados á violencia contra as mulleres no ámbito familiar.

Para acadar unha maior visibilidade feminina, sería preciso que os medios de comunicación desestimasen a ollada androcéntrica coa que configuran a relación de protagonistas e espazos noticiosos. Unha visión máis plural permitiría visualizar dunha maneira máis xusta ás mulleres, ao igual que a outros grupos sociais.

A continuación relátase con máis detalle en qué consiste o proxecto monitorio centrado na actuación española.