MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

3 A SITUACIÓN EN GALICIA: EXPERIENCIAS RECENTES PARA FAVORECER A PRESENZA DAS MULLERES NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

As labores desenvolvidas para fomenta-la presenza das mulleres nos medios de comunicación en Galicia nos últimos anos contan con interesantes iniciativas. Nesta sección daremos conta dalgunhas, que reflicten o avance da sociedade. Este é o caso do Observatorio Galego dos Medios. Dende o seu nacemento, en outubro de 2004, prestou especial atención a todo o referido á discriminación das mulleres nos contidos dos medios de comunicación, consciente do papel que as institucións mediáticas ostentan na difusión e reforzo dos estereotipos tradicionais de xénero, na invisibilización das mulleres nos distintos ámbitos sociais que hoxe en día conseguiron conquistar, e no mantemento dunha posición de inferioridade respecto ao masculino. A súa fundación tivo lugar en Compostela, ca aprobación dun decálogo, ou conxunto de recomendacións, sobre o correcto tratamento informativo da violencia contra as mulleres, o primeiro documento consensuado en Galicia con tal fin, asinado por un total de 77 persoas procedentes de medios de comunicación, a Administración e o eido académico.

O Observatorio Galego dos Medios creouse ao abeiro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e estivo asociado dende un principio ao Media Watch Global (A. B. PUÑAL RAMA; J. EVANS PIM, 2006)A loita contra as discriminacións de xénero e o compromiso cunha información transmisora dos valores relacionados coa igualdade estivo presente no Observatorio Galego dos Medios dende o inicio da súa traxectoria vital e ten o seu froito máis recente no I Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero, inserido nas actividades do Seminario Permanente sobre Xornalismo Social.

Segundo reza na carta fundacional, o Observatorio Galego dos Medios ten como obxectivo servir de foco de converxencia da Sociedade Civil, para unha alianza estratéxica entre:

1.- Os profesionais da información responsábel, é dicir, os xornalistas que reclaman o dereito a cumprir honestamente unha función esencial para os sistema democrático e para a existencia dunha sociedade civil autónoma.

2.- A cidadanía activa, entendendo por tal os receptores de información – considerados como cidadáns e non como meros consumidores de información- que amosan a súa predisposición a intervir no control da calidade da información que se lles fornece.

3.- Os creadores-productores do discurso teórico (analítico e programático) sobre o Sistema Informativo –no ámbito da Universidade e da investigación-: democratización informativa, mediación cualificada, criterios deontolóxico-profesionais, propostas de carácter xurídico, iniciativas políticas ou sociais, utilización axeitada da tecnoloxía, etc.

A continuación vamos a reflectir de maneira sinóptica algunhas das actividades promovidas polo Observatorio que tiveron unha maior repercusión mediática: as dúas primeiras edicións das Xornada Medios de Comunicación e Violencia contra as Mulleres, os diversos cursos e obradoiros celebrados (sobre cuestións como a violencia contra as mulleres ou a linguaxe non sexista) e o Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero.