MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

O RELEVO

“Teño sesenta e noves e aínda estou aprendendo”. (María Rodríguez. Representante da Vocalía da Muller da Asociación de Veciños de Teis)

María Rodríguez ten sesenta e nove anos e din que “aínda está aprendendo”; aprendendo a moverse no mundo veciñal, porque dende fai dous anos, ela e maila súa compañeira, Dolores Guisande, son as responsables da Vocalía da Muller da Asociación de Veciños do barrio de Teis. Elas, María e Dolores, substituíron a Amparo Fernández cando esta deixou o seu posto ó fronte da Vocalía despois de máis de dez anos continuados de actividade veciñal, e para ámbalas dúas, a chegada á Vocalía supúxolles atopar unha realidade ben distinta da que esperaban.

No barrio de Teis, como xa quedou dito anteriormente, a actividade veciñal fora sempre bastante intensa e a participación dos veciños alta, e o mesmo sucedera coa Vocalía da Muller dende a súa fundación. Amparo Fernández, é, xunto con moitas das mulleres que aparecen nestas paxinas, unha das personaxes importantes no devir das Vocalías da Muller. Amparo xa formaba parte da Asociación de Teis nos anos oitenta, antes da existencia das Vocalías da Muller. Lembra unha Asociación activa, chea de traballo, mobilizada nas celebracións, coma nos Maios, nos que ían camiñando dende Teis ó Caso Vello co seu maio; ou nos entroidos. E tamén lembra a actividade veciñal no conflicto da empacadora de Guixar, uns meses realmente duros nos que con toda a directiva da Asociación Veciñal dimitida, a Vocalía da Muller fíxose cargo do funcionamento básico da Asociación e mantivo a súa porta aberta durante os dous anos que tardou en volver a normalidade á vida veciñal de Teis.

Amparo fala de unha boa acollida da Asociación á Vocalía da Muller na súa fundación, producida o día 3 de Abril de 1992. Xunto a propia Amparo Martínez, Carmen Pazos, Mercedes Ballesteros, e Anabel Rodríguez formaban aquela primeira Vocalía.

Hoxe, María Rodríguez e Dolores Guisande, na Vocalía da Muller de Teis, afrontan en solitario o signo dos tempos e constitúen un exemplo dunha situación que se repite en moitas das Vocalías doutras tantas Asociacións Veciñais. O caso é, que por moitos e variados motivos, se facemos caso as razóns esgrimidas polas vocais de cada Asociación, o nivel de implicación dos veciños no traballos nas Asociacións descendeu sensiblemente nos últimos anos. Xa non é que sexa difícil atopar moita xente nova integrada nas directivas das Asociacións, senón que tampouco e doado atopar persoas, non necesariamente novas, que queiran desenvolver un labor altruísta a prol do seu barrio, da súa parroquia.

No tempo que levan traballando, María e Dolores fixeron tódolos esforzos posibles para que a súa Vocalía mantivera a súas funcións aínda que o traballo é a todas luces demasiado grande para tan só dúas persoas. Acudir as reunións coas demais Vocalías na Federación “Eduardo Chao”, as concentracións na rúa en contra dos malos tratos, a súa colaboración no Centro Cívico de Teis, e todo isto sen contar o traballo na propia Vocalía, cursos, tarefas administrativas, encontros con políticos.... Con elas dúas, a Vocalía da Muller de Teis continuou con actividades de formación como os cursos de palillos, axilidade mental e tamén con algunhas saídas de carácter cultural que lles gustaría repetir, e si por un lado, María e Dolores afirman que non hai xente que de un paso adiante coa intención de mellora-lo seu barrio, por outro a asistencia os cursos e as actividades non descende. Agora, na Vocalía de Teis, votan en falla máis axuda por parte do Concello, axuda para poñer en marcha cursos que podan contribuír a que as mulleres de Teis sexan cada vez máis autosuficientes, como din María, e pensa en formación en electricidade, carpintería ou fontanería, bricolaxe do fogar para mulleres que non queren esperar a que ninguén lles arranxe os problemas materiais da casa.

Tanto para Dolores como para María a experiencia da Vocalía e de sobra gratificante. Creen que o traballo feito está ben feito, e que, da mesma maneira que pensan as súas compañeiras noutras Asociacións, o labor das Vocalías serviu para mellorar, e moito, a vida das mulleres dos barrios de Vigo, para ofrecerlles moitas causas das que antes carecían, formación, mellor calidade de vida, outros horizontes culturais, socias, profesionais. A súa valoración é polo tanto positiva.

Na metade do camiño do seu mandato na Asociación, a María quédanlle dous anos de Vocalía, e a súa intención, e a de Dolores, é deixalo cando este tempo remate, pero ámbalas dúas son plenamente conscientes de que non vai a ser doado encontrar mulleres que as releven, e tampouco desexan que tras elas a actividade da Vocalía da Muller quede en Teis nun punto morto.

¿Porque a xente nova non dedica parte do seu tempo ós problemas do seu barrio, porque razón non se integra nas Asociacións do movemento veciñal?. “Non podes querer que a xente nova sexa coma ti”, resposta Begoña González. No seu caso concreto, pasaron quince anos dende de que ela comezara a realiza-lo seu traballo como animadora sociocultural na Federación Veciñal “Eduardo Chao”, e de que desempeñara un importante papel na creación das Vocalías da Muller; quince anos nos que para Begoña é claro que o mundo tense transformado o suficiente como para que “se non cambias, e te adaptas e recibes a xente nova e saes a entender cales son os seus problemas e lles das respostas, esa xente nova non atopara alternativa nin interese algún no seo do movemento veciñal”.

As urxencias do mercado laboral contemporáneo, os horarios, a abafadora oferta de ocio, a política, ou incluso a falla de compromiso xeracional son as razóns postas enriba da mesa das Vocalías da Muller para explica-la case nula presencia de mulleres novas na maioría das Asociacións Veciñais. O caso é que non resulta doado determinar dunha maneira clara e precisa ónde radica a verdadeira raíz do problema.

Concentradas en si mesmas, nunha situación social da que xa falamos e que era realmente desastrosa para miles de mulleres adultas, procurando levar a bo porto tódolos retos ós que dende o principio enfrontáronse, saír da casa, chegar as directivas, formar as mulleres, loitar contra a violencia de xénero.... as Vocalías da Muller non tiveron entre os seus obxectivos mais inmediatos o de converterse en entidades atractivas para as mulleres mais novas e rachar así unha problemática que xa afectaba naquel intre ó movemento veciñal no seu conxunto.

Pero, ¿cal e o camiño a seguir agora? As mulleres e homes que nos anos oitenta tiñan vinte, ou trinta e tantos anos enfrontaban un destino colectivo certo. Deixaban atrás unha vida privada de moitos dereitos e liberdades tras décadas de dictadura, e avanzaban na súa procura nun réxime democrático recen nacido e cos problemas e inquedanzas propios dunha sociedade na que todo esta por facer pero que acadaba cada día maiores cotas de prosperidade. Hoxe, cando en moitos aspectos xa estamos no futuro que no ano oitenta, ou incluso no noventa, parecía tan afastado de nos, o porvir ó que sen dubida chegaremos en unha década mais é, de xeito paradoxal, moito mais incerto. A complexidade da sociedade actual, as transformacións políticas, os cambios económicos, sociais, relixiosos, as mutacións de toda índole que cada día teñen lugar na nosa realidade mais próxima, son a causa desa incerteza.

Se o Concello levara a cabo hoxe outra “Enquisa sobre a muller” como a que fixo no ano 1988 cando María Xosé Porteiro ocupaba a Concellería de Muller, atopariamos que moitas daquelas cifras que falaban dunha evidente situación de abandono e subordinación do xénero feminino, hoxe non se repetirían. Pero se parece claro que actualmente moitas mais mulleres que fai quince anos desenvolven as súas vidas nun plano de igualdade cos homes en un gran numero de ámbitos, gracias entre outras cousas o labor das Vocalías da Muller, non o é menos que esa igualdade non é nin completa, nin xeneralizada, e que outras cifras, por exemplo as dos malos tratos, das mulleres mortas pola violencia de xénero, constitúen, dende xa fai tempo unha traxedia ata polo de agora imparable.

“Hoxe existe unha falsa imaxe de que todo ten cambiado moito, quizás mais no que atinxe os dereitos das mulleres”. Isto dalgunha maneira fai que moitas mulleres non se impliquen no movemento veciñal por crer que a situación esta hoxe en día normalizada. En moitos sitios as mulleres seguen a estar coma un floreiro”. A estas palabras de Iraida, que expoñen perfectamente como a sensación de cambio e de mellora funciona como factor de afastamento das veciñas das súas asociacións, habería que engadir as de Loli Casariego: “O maior dos problemas das vocalías da muller son os mozos, a cuestión que agora mesmo non son atractivas. O ideal seria que a xente nova se achegara as asociacións veciñais por medio de vocalías de xuventude. O problema esta en que os mozos queren traballar coma eles queren, e nos queremos que traballen coma nos queremos”. A suma destas dúas opinións, formadas opinións pola traxectoria de ámbalas dúas mulleres, ten como resultado o diagnostico final que explica a aparentemente mala relación existente entre as Vocalías da Muller e as mulleres das xeracións mais novas. Unha mellor conxuntura social que empuxa o conformismo e a non reivindicación, e unha aparente incapacidade das Vocalías da Muller e de todo o movemento veciñal no seu conxunto para recoller os intereses dás mulleres, e tamén dos homes de menor idade.

Para Maruchi, da Vocalía da Muller de San Andrés de Comesaña, agora todo e demasiado doado para as mozas, para as mulleres máis novas, mulleres que creceron nunha sociedade, que si ben aínda mantén vixentes importantes elementos e factores de discriminación en contra delas, avanzou un longo treito no proceso de recoñecer as mulleres o papel que realmente desenrolan na sociedade. Mulleres de hoxe para as que polo tanto, no é posible lembrar moitas dos problemas que no ano noventa, cando elas eran pouco máis cunhas nenas, levaron a decenas de veciñas de Vigo a crear as Vocalías de Muller para tentar saír dunha situación que facíase insoportable.

“O movemento veciñal están estancado”. “O movemento das mulleres esta estancado, non preocupa”. Rosa Vila, de Castrelos, ou Mercedes Penabella, de Casco Vello, e actual responsable da Vocalía da Muller da Federación Veciñal, son dúas mulleres que falan deste xeito. Pero a verdade e que non son unicamente elas as que o fan.

Xa falamos do programa “O Noso Tempo”, do que supuxo a súa posta en marcha, e da enorme cantidade de logros e recoñecementos que as Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais de Vigo e a da Federación “Eduardo Chao” acadaron gracias ós centos de cursos que dende fai anos contribúen a facer mellor a vida de miles de mulleres dos barrios de Vigo.

Rosa Fontaiña e a muller que durante mais tempo estivo o fronte da Vocalía da Muller da Federación Eduardo Chao, e outro dos nomes imprescindibles para contar na vida do movemento veciñal de Vigo. Ela era a responsable da Vocalía da Federación cando o Concello firmou o primeiro convenio para a posta en marcha do programa “O Noso Tempo” no ano 96, e a súa experiencia ó longo destes anos fan que a súa opinión sexa especialmente valiosa para entender ben a vida das Vocalías.

Os seus primeiros pasos no movemento veciñal foron como responsable da Vocalía da Muller da Asociación do seu barrio, Lavadores, e foi a que fora Concelleira da Muller, Ana Gandón, quen a invitou a amplía-la súa tarefa na Federación Veciñal. Ademais do seu cargo na Federación, Rosa Fontaiña tamén desempeñou un importante labor coma responsable do area de consumo a CAVE, e como coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo.

O seu prolongado traballo ó fronte da Vocalía da Muller da Federación “Eduardo Chao” permitiron a Rosa Fontaiña ser testemuña dos bos e tamén dos malos momentos do movemento veciñal. Ter que ver o pouco interese de moitos homes polos problemas das mulleres, pola actividade das Vocalías, o aumento da violencia de xénero, pero tamén recoller galardóns como o titulo de Vigués Distinguido que a Vocalía da Muller da Federación Veciñal recibiu no ano 96; o mesmo ano no que a propia Rosa Fontaiña asistiu en Madrid nunha xornada de traballo organizada pola Cave, a entrega do titulo de Muller Veciñal Galega a Carmen Fernández, presidenta da Asociación de Veciños Val do Fragoso, e unha das mulleres con unha mais longa e fructífera traxectoria na movemento veciñal da cidade de Vigo.

“Mulleres que toman conciencia da súa persoa e reservan parte do tempo libre para a súa realización persoal; isto, o fin e o cabo, repercute nunha maior calidade de vida para elas e para as súas familias y amizades”. Esta é a valoración que Rosa Fontaiña fai das actividades de “O Noso Tempo”. E a súa opinión confirma o xa falado, o incalculable valor que estes cursos tiveron para mulleres de tódalas idades e condicións de Vigo.

“O medo que tiñamos cando empezamos coas vocalías da muller era que se converteran en academias cos cursos”. Pero tamén falamos desto, como conta Rosa Vila. A outra cara do programas e das actividades de formación e ocio é o xa dito; coa maquinaria xa engraxada polo tempo de experiencia os cursos repítense ano tras ano cumprindo a súa función, pero sen nada novo que aportar. Resulta necesario de superar esta circunstancia para afrontar con garantías os retos de novas realidades sociais.