MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

O NOSO TEMPO

“A Vocalía integra as mulleres en actividades que nin elas mesmas eran conscientes de que as podían realizar, tamén as forma e asesora socialmente”. (Elvira Vila Veiro e Ana Otero. Responsables da Vocalía da Muller da Asociación de Veciños de San Miguel de Oia)

“Non se conseguiu esta integración tanto como se desexaba. Sen embargo a que empezou cun curso de manualidade hoxe fai cousas que antes non facía e saltou a clases de autoestima ou ximnasia tendo que loitar contra a idea de que non ía a aportar nada á casa participando nestas actividades ó contrario do que obtería si ía a corte e confección. Sen embargo, a porcentaxe de mulleres que non teñen que xustificar esa saída da casa e moi baixo, por iso os cursos seguen a sendo necesario”. Estamos no ano 98 e a que fala e Rosa Fontaiña Pazos, responsable da Vocalía de muller da Federación de Veciños Eduardo Chao y vicepresidenta da asociación de veciños de Lavadores.

Falar das Vocalías da Muller e falar ,entre outras moitas cousas, de centos e miles mulleres acudindo e participando en decenas de cursos, e actividades de formación e ocio organizadas, ben polas súas respectivas Asociacións de Veciños, ben pola propia Federación Eduardo Chao. Todo un movemento de persoas que ata aquel intre, ata a aparición das Vocalías mantivéranse afastadas da vida social das súas parroquias e por suposto de case que calquera actividade de carácter colectivo compartida con outras mulleres, e dicir, da confrontación da súa realidade vital coa de persoas, de mulleres, que vivían a carón seu case que coma perfectas descoñecidas.

Hoxe contemplamos estas actividades de xeito natural e resultaría farto complicado imaxinar as vidas das Vocalías da Muller das Asociacións sen os cursos que fixeron delas o que hoxe son, pero volvendo a vista atrás e tendo presentes as circunstancias sociais e culturais de fai algo mais dunha década, atopamos que naqueles primeiros anos a historia dos cursos estaba feita a base de moitos sacrificios persoais por saca-lo tempo necesario para ir as clases; de conflictos familiares ou de parella polas reaccións contrarias que a aparición dun novo elemento como os cursos tiña nas vidas dos barrios; de xigantescos esforzos das mulleres que os artillaron, que buscaron os recursos precisos para que os cursos comezaran, e finalizaran, que en moitas ocasións foron pouco menos que porta a porta de cada casa da súa veciñanza convencendo as mulleres para que venceran o medo, o receo, a vergoña, ou simplemente a pereza, e acudiran a Asociación a darlle vida a unha realidade nova e que necesitaba de todo o mundo, de tódalas mulleres posibles, para que fora unha realidade que non quedara en algo efémero e traspasara a fronteira dun ano ou dous de existencia.

Os cursos foron a primeira das “armas” empregada sobre todo dende o Concello para levar adiante a política de “sacar as mulleres da casa”. Evidentemente, antes da aparición en escena de Ana Gandón e de que dende a Concellería da Muller comezaran a oferta de actividades, algunhas Asociacións Veciñais tiñan xa funcionando algúns cursos dentro das súas propias programacións, e ata en algún caso, como Lavadores, A Salgueira ou Casco Vello, algúns deles dedicados as mulleres. Nembargantes, a aparición da oferta do Concello cambiou moito as cousas e deu inicio a unha dinámica que ó menos ata agora non tivo interrupción. O caso foi que a propia oferta das actividades municipais serviu como “detonador” para que moitas Asociacións, diante da posibilidade de acceder as subvencións que acompañaban as novas cursos de formación, fomentaran a creación da súa Vocalía de Muller como requisito indispensable para acadar os devanditos fondos. E coma o pez que mordese a cola, unha vez postos en marcha, os cursos convertéronse na forza motriz das Vocalías e por ende no das propias Asociacións, de tal xeito que o descorrer do movemento veciñal durante estes últimos doce anos tería sido outro ben distinto, e sen dubida moito menos brillante, sen eles. As palabras de Dolores Casariego ou Iraida Montejo describen esta circunstancia con claridade, “A chegada das mulleres supuxo a dinamización das asociacións, unha dinamización incrible”. “Hoxe a maioría das Asociacións seguen coa porta aberta porque existe unha Vocalía da muller. Si non estivesen as mulleres no movemento veciñal, si non existisen as Vocalías da Muller, as asociacións veciñais poderían cerra-la porta”.

E así foi. Cóntanse por milleiros o numero de mulleres que teñen asistido ós cursos das Vocalías, mulleres que en moitos casos cruzaron por vez primeira a porta da súa Asociación Veciñal coa idea de aprender algo novo e entraron así non soamente no local, senón tamén na vida do movemento veciñal; ou que, de novo empregando as palabras da primeira Vocal da Muller da Federación Veciñal, Iraida Montejo, “Moitas mulleres que participaron neste cursos, pensaron de novo en estudiar, partindo dende cero, acudindo a cursos de alfabetización, outras conseguindo o graduado escolar e algunhas niveis superiores como bacharelato ou cursos de formación profesional......”

Tentar de facer un percorrido mais ou menos representativo da tipoloxía dos cursos das Vocalías da Muller e unha tarefa realmente complicada, porque despois de doce anos, as disciplinas que estas actividades de formación teñen cuberto é enorme e dende cada unha das Vocalías de cada unha das Asociación Veciñais poderían presentar unha larga lista na que sempre habería algún curso realmente sorprendente. Aerobic, “palillos”, cestería, cociña, tapicería, bailes de salón, informática, macramé, maquillaxe, punto de cruz, pintura o óleo ou en tela, sendeirismo, ximnasia e ata tai-chi, ou jazz!.

Esta non é, nin moito menos, unha lista pechada, a ela podemos engadir cursos de masaxe, cociña natural, autoestima, axilización da mente, porcelana rusa, cadros tridimensionais, baile rexional, internet, técnicas de estudio para nenos, inglés ou sevillanas. E así poderiamos seguir enchendo paxinas e paxinas durante un bo rato. Sen embargo, unha simple enumeración coma esta pode axudar a comprender, aínda que sexa de modo aproximado, o que supuxo, e aínda supón, para moitas mulleres o acceso a todas estas disciplinas e actividades, no local da súa propia asociación e a uns prezos moi baixos, cando non de xeito gratuíto.

Para Ana Gandón, os cursos do Programa O Noso Tempo teñen uns fines claros, “...propiciar a implicación das mulleres no movemento veciñal, crear un espacio de intercambio entre as participantes e facilitar o emprego e o autoemprego a través da formación”. Non son moi distintas as palabras doutras das mulleres que ocupou o cargo de Concelleira da Muller do Concello, María Xosé Porteiro, que desempeñou este labor na efémera corporación saída das urnas nas eleccións municipais do 2003 e presidida por Ventura Pérez Mariño, e sobre todo, como xa vimos nas primeiras paxinas deste informe, o fixo tamén no ano 1988, cando dende o Concello, traballou para crear as primeiras Vocalías da Muller e algúns dos primeiros programas destinados a fomenta-la incorporación da muller a vida publica. “Un dos obxectivos deste programa é impulsar a participación social das mulleres do movemento veciñal e cultural de Vigo e o fomento dun tempo e dun espacio propio para as mulleres, no que se sintan participes dun grupo e poidan gozar dun tempo de lecer”. Estes fins quedaron plasmados dende o principio en dúas vías paralelas dentro do programa O Noso Tempo, con dúas direccións claramente diferenciadas; actividades de ocio por unha banda, e cursos de formación pola outra.

Estas actividades non estiveron dende o principio da vida das Vocalías tan estructuradas como hoxe as coñecemos. Dende o seu lanzamento por parte da Concellería da Muller e como xa vimos, o seu papel como motor de arranque das Vocalías, ata o no 96, os cursos eran parte dun programa que respondía unicamente a iniciativa e a intervención do Concello. Nese mesmo tempo, e de xeito simultáneo, nas Asociacións Veciñais, dentro das súas propias programacións, levábanse a cabo cursos e actividades sufragados polas asistentes e pola correspóndete Asociación tal e como segue a suceder hoxe.

No ano 96, a Vocalía da Muller da Federación Veciñal Eduardo Chao firma o primeiro Convenio “O Noso Tempo” coa Concellería da Muller para a organización de cursos nas distintas Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais. Para as Vocalías da Muller, a firma deste primeiro Convenio foi un importante recoñecemento da súa capacidade organizativa por parte das institucións publicas despois de catro anos de traballo, ademais do gran logro que supuxo o ter a seguridade de poder desenvolver os cursos en tódolos barrios da cidade de xeito continuado, tendo en conta que a inicial planificación das actividades do ano 92 fora feita pensando soamente nunha duración de un ou dous anos.

“O Noso Tempo” ven pois cumprindo dende fai oito anos os seus obxectivos, os propios dos programas de formación e a coordinación das Vocalías da Muller e as Asociacións Veciñais, no intento de poñer a disposición das mulleres de Vigo o coñecemento dos servicios ó seu alcance, a súa apertura á participación en actividades formativas e culturais, e polo tanto a súa definitiva incorporación a tódolos ámbitos da vida social, e faino cunha cada vez mellor programación formativa deseñada a base de calidade e variedade desa formación, seguida e coordinada dende a Vocalía da Muller da Federación Veciñal.

Concello, Federación “Eduardo Chao”, Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais, monitores, responsables da avaliación e sobre todo, alumnas, son as principais protagonistas dun programa que se desenvolve nun ámbito xeográfico próximo ós domicilios das participantes o que facilita “a súa inserción social e o coñecemento e interacción coas outras mulleres da zona e que supón moitas veces un primeiro contacto coas Asociacións de Veciños, polo que vai supor a longo prazo un gran aumento na súa calidade de vida”.