MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACI?N A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

3.3 Obradoiros e Cursos

Ao longo destes anos de traballo os colaboradores do Observatorio tentaron cubrir o descoñecemento da perspectiva de xénero que continúa existindo por parte dos profesionais da comunicación. Por este motivo téñense organizado actividades de formación que achegasen aos xornalistas a reflexión sobre a construción social e mediática do xénero e a análise do sexismo nos medios de comunicación, así como ferramentas útiles para a detección dos mecanismos de construción sexista e androcéntrica do discurso mediático e estratexias concretas para a elaboración dunha información alternativa, enfocada dende a perspectiva de xénero. Cunha dupla finalidade, formativa e de debate, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia colaborou co Seminario Comunicación e Xénero da Universidade de Santiago de Compostela, integrado no grupo de investigación CIDACOM (Cidadanía e Comunicación) da Facultade de Ciencias da Comunicación Compostelá, na organización de dous obradoiros e un curso, que tiveron lugar no 2006. As actividades organizadas foron as que seguen:

Obradoiro “A violencia contra as mulleres nos medios. Comunicar máis aló do suceso”, celebrado en Vigo o 17 de xuño.

Obradoiro “Linguaxe non sexista e información”, celebrado en Ourense o 24 de xuño

Curso “Estratexias profesionais no xornalismo. Comunicar dende a perspectiva de xénero”, que tivo lugar en Compostela o 22 de xullo.

O primeiro dos obradoiros, “A violencia contra as mulleres nos medios. Comunicar máis aló do suceso”, é un punto máis no traballo de reflexión sobre o tratamento mediático da violencia contra as mulleres suscitado dende o Observatorio dos Medios nas xornadas de 2004. A reflexión e a formación dende a perspectiva de xénero é tanto máis urxente nun tema, como este, que pasou a formar parte habitual das axendas mediáticas nos últimos anos baixo a aureola do sensacionalismo, o morbo e a superficialidade. A actividade formativa abondou en ámbitos como a construción social do xénero, a presenza do sexismo e do androcentrismo na representación mediática do xénero, a comprensión da violencia contra as mulleres dende unha perspectiva ampla (que comprenda dende a violencia estrutural e simbólica até a física e psicolóxica), a análise das principais eivas dos medios no tratamento da violencia contra as mulleres e a proposta de alternativas. Á sesión puramente formativa seguiu un espazo para o debate posterior, centrado no intercambio de pareceres entre profesionais dos medios e representantes do movemento feminista na zona ao redor, principalmente, da posibilidade de levar a cabo unha información alternativa sobre a violencia contra as mulleres. O obradoiro serviu ademais de espazo para a aprendizaxe, de foro para o debate, e para o coñecemento mutuo entre xornalistas e fontes do movemento feminista.

O segundo obradoiro, organizado en Ourense e centrouse no uso da linguaxe non sexista. En ámbolos casos, os problemas de axenda (provocados polas longas xornadas de traballo ás que se ve sometida a profesión) foron o argumento explícito máis esgrimido. Ben é certo que as condicións de traballo dos xornalistas (longas xornadas laborais, presións varias, precarización da profesión...) fan aínda máis difícil que comprometan o seu tempo en actividades de formación extra, e a isto habería que engadir certa falta de concienciación sobre as dimensións do sexismo nos medios.

Na organización dos obradoiros os organizadores deixaron constancia dunha insuficiente involucración nalgúns casos por parte dos responsábeis empresariais (o que fixo imposíbel en ocasións conseguir que enviasen a algún ou algunha xornalista en representación do seu medio) como dun deficiente grao de concienciación por parte da profesión arredor da problemática sexista nos medios de comunicación. Esta falta de concienciación quizais sexa maior no caso da linguaxe non sexista: mentres que a violencia contra as mulleres é un problema social visíbel, por desgraza contrastable nos abondosos casos de asasinatos, a linguaxe non sexista considérase unha cuestión secundaria e en moitas ocasións nin sequera é vista como problema que cómpre resolver.

Este segundo obradoiro –que ten o seu antecedente no curso organizado sobre linguaxe non sexista en Lugo en maio de 2005 entre o Colexio Profesional de Xornalistas e o concello lucente- xirou arredor de cuestións como o sexismo social e o mediático, as manifestacións da ollada androcéntrica, a necesidade da aplicación dunha perspectiva de xénero na información e, xa máis en concreto, a definición e características da linguaxe sexista, así como a adopción de estratexias prácticas para a súa superación.

O ciclo de actividades formativas do 2006 rematou coa organización dun curso en Santiago de Compostela, concibido a modo de compendio dos distintos aspectos abordados nos obradoiros anteriores. Esta actividade foi dividida en tres bloques principais: 1) O sexismo social e a construción da desigualdade a través do sistema sexo-xénero; 2) O sexismo nos medios de comunicación e a perspectiva de xénero como alternativa; 3) O tratamento da violencia contra as mulleres nos medios de comunicación; 4) As estratexias para o uso dunha linguaxe non sexista. Como conclusión desta experiencia pódese dicir que, para fomentar a participación do ámbito profesional, convirían actividades formativas practicamente á carta, totalmente adaptadas aos horarios dos diferentes medios.