I. OS PRIMEIROS DIAS
“Unha asociación de veciños serve para crear convivencia, para falar dos seus
problemas, das súas inquedanzas, das súas alegrías, para sentirse amparado por
unha casa grande onde poden ter un paso cara o Concello cando teñen algún
problema, para recuperar tradicións.” (Carmen Fernández, Presidenta da
Asociación de Veciños do Val do Fragoso)
No ano 1988 María Xosé Porteiro ocupaba a Concelleira de Cultura e Muller do
Concello de Vigo. Unha serie de cursos e programas de alfabetización ou emprego
estaban a funcionar naquel intre coa intención de mellorar a situación e
perspectivas vitais das mulleres dos barrios e parroquias de Vigo. Sen embargo,
tal e como cita Diego Pérez no seu estudio sobre o movemento veciñal vigués, era
necesario ir máis alá: “sacar as mulleres da súa casa e promover o intercambio
de experiencias”. Inícianse entón unha serie de encontros baixo a denominación
de “Muller, fala e participa”, encontros que teñen lugar nas Asociacións
Veciñais promovendo nas mulleres a toma de conciencia dos seus propios dereitos,
tentando de dinamizar a súa participación na vida asociativa.
A historia din que Vigo ten, nun pasado recente, unha importante tradición
asociativa. Nos anos setenta hai algunhas asociacións de mulleres funcionando xa
na cidade, e no comezo da década dos noventa, no momento da aparición das
Vocalías da Muller, as Asociacións Veciñais de Vigo xa contaban cun longo
percorrido. De feito, é o ano 1975 cando a Asociación de Veciños do Calvario
solicita a súa inscrición no rexistro do Goberno Civil. Coincidindo co fin da
dictadura, Teis, Lavadores, Beade, Cristo da Victoria, Bembrive ou Navia, seguen
os seu pasos, e así ata quince Asociacións Veciñais, aparecen na cidade. Pronto
tódolos barrios de Vigo contan coa súa propia asociación.
Nestas Asociacións, nas dos anos setenta, nas dos comezos dos noventa, e aínda
as veces tamén nas de agora, producíase un fenómeno que había de servir coma
unha das principais forzas xeradoras do xurdimento definitivo das Vocalías da
Muller. Aínda que aparentemente o seu nivel de participación no e moi alto,
dende o principio do movemento veciñal, hai mulleres traballando nas
Asociacións, pero curiosamente non resulta doado atopar a ningunha delas
formando parte das directivas, xa que a inmensa maioría das persoas que formaban
parte dos órganos de dirección e representación das Asociación Veciñais son
homes. A presencia de mulleres nos órganos de toma de decisións neses intres, é
case que testemuñal. María del Carmen Avendaño, en Lavadores, e Carmiña
Fernández no Val do Fragoso, son as únicas mulleres que ocupan a presidencia
dalgunha Asociación de Veciños. E así manteríase a situación ata xa entrados os
anos noventa.
A incorporación da muller o mundo laboral non chega o 40%: o analfabetismo rolda
o 8%, e aproximadamente o 50% das mulleres de Vigo non realiza controis médicos
de ningún tipo. A estas conclusións chega o Concello de Vigo có estudio “Enquisa
sobre a muller”, publicado polo propio Concello de Vigo nese mesmo ano 1988 e no
que tratase de determinar cal é a verdadeira situación do colectivo feminino da
cidade, a súa realidade sociolóxica, económica, política ou educativa.. Dende
esta enquisa ata a chegada do ano 91, e con el o cambio no goberno municipal,
realízanse actuacións dedicadas no súa maior parte a atención dos malos tratos e
a continuar mellorando a situación formativa, laboral e social das mulleres de
Vigo, que a vista dos datos fornecidos pola devandita enquisa precisaba de
fortes políticas de apoio.