3.2 II Xornada Medios de Comunicación e violencia contra as mulleres
En novembro de 2005 celebrouse a II edición da Xornada Medios de Comunicación e
Violencia contra as Mulleres. O obxectivo desta edición era insistir nas outras
violencias de xénero, aquelas que non conseguiron a visibilidade acadada na
axenda mediática pola violencia contra as mulleres no ámbito doméstico. A
primeira edición das xornadas centrárase case integramente na abordaxe da
violencia contra as mulleres no contexto familiar. Na segunda edición, as
comunicacións estaban dirixidas fundamentalmente aos profesionais dos medios de
comunicación.
Os temas abordados foron a violencia política contra as mulleres, a violencia
sexual, prostitución e tráfico de mulleres, violencia contra as nenas no ámbito
familiar, violencia contra as nenas no ámbito escolar, o acoso laboral e o papel
do feminismo na visualización da violencia contra as mulleres (tratado por unha
representante de Andaina, grupo feminista galego de ampla traxectoria).
O poder de convocatoria foi máis reducido ca na primeira ocasión, o que pode ser
considerado síntoma da persistencia dunha visión reducionista, exclusivamente
centrada na violencia doméstica, na percepción prevalecente nos medios da
problemática social conceptualizada como violencia contra as mulleres (A. B.
PUÑAL RAMA; J. EVANS PIM, 2006).