MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

SAIR DA CASA

“O primeiro era que as mulleres saíran da casa. Non sabiamos como, nin de que forma.” (Rosa Vila, Castrelos)

Como xa vimos, nas eleccións municipais de 1991, Carlos Príncipe, do PSdeG-PSOE, chega a alcaldía, e Ana Gandón, de Esquerda Galega (EG), ocupa a Concellería de Muller. Ós poucos meses, a nova Concelleira, anuncia nunha roda de prensa que as actividades da súa concellería estarán todas orientadas a que “as cidadáns saian das súas casas”. O orzamento do que dispoñen para acada-lo seus fins e de cento vinte millóns de pesetas, e a idea de Ana Gandón é a de desenvolver un amplío numero de actuacións, todas elas adaptadas a un plan, entón aínda por redactar, de igualdade de oportunidades, que había de abranguer dende aquel intre ata o ano 1995. Este orzamento de cento vinte millóns de pesetas era, en palabras da propia Ana Gandón, “o maior deste departamento do Concello en toda a súa historia, pero resulta a todas luces insuficiente para poder acometer toda a tarefa por facer no campo de participación da muller na vida cidadán”.

O Concello firma convenios con asociacións de mulleres como Mulleres Progresistas ou Mulleres Xoves Area, convenios destinados a que as mulleres de Vigo dispoñan de máis tempo libre para a súa formación ou a busca dun emprego a través da xestión de programas como Kanguros, un programa consistente na creación de un equipo de mulleres dedicadas ao coidado de nenos, ou tamén mediante a entrada en funcionamento do Centro de Información das Mulleres Xoves de Vigo.

Entre todas estas actividades postas en marcha dende a Concellería da Muller está a de potenciar que en todas as Asociacións de barrios e parroquias da cidade haxa unha Vocalía da Muller, co fin de mellorar e crear servicios de información, contribuír a mellorar a autoestima das mulleres, a súa formación profesional, reivindica-lo papel das mulleres e lograr a súa participación na vida da cidadanía, conseguir que “as mulleres co desexen saian da casa e que, como cidadáns de pleno dereito, teñan os mesmos dereitos cos homes na rúa...Cada vez e menor o numero de mulleres que non queren vivir dependentes e condicionadas a vida domestica e cada vez maior as que queren exercer o dereito a unha vida independente”.

No que atinxe as Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais, a cantidade concreta destinada polo Concello para fomenta-la súa creación ascende a catrocentas mil pesetas para o primeiro semestre do ano 92, e son dezasete as que xa están a funcionar nos primeiros meses dese mesmo ano, aínda que nesta cifra están incluídas non só as Vocalías das Asociacións Veciñais senón tamén as doutras asociacións. Algunhas destas Vocalías da Muller xa existían con anterioridade a estas datas, as menos, e certo; o resto son o froito do traballo desenvolvido dende a Federación Veciñal “Eduardo Chao” e da política municipal de Ana Gandón o fronte da Concellería de Muller.

Neses anos, xunto ao desenvolvemento e consolidación das Vocalías da Muller, a cidade de Vigo e testemuña tamén da posta en marcha de mais programas e actuacións e da constitución doutras estructuras dedicadas a defensa dos dereitos das mulleres. A Casa da Muller xa está a funcionar dende o ano 90. Dende o Concello ponse en marcha outro programa, “Asume a túa responsabilidade”, que consiste en levar os colexios e os institutos “un cambio de actitude respecto o traballo compartido por tódolos membros dunha casa”, tal como o explica a Concelleira Ana Gandón. No mes de Novembro do 92 a Federación de Universidades Populares dona á Universidade Popular de Vigo cinco millóns de pesetas para cursos de alfabetización de mulleres co fin de contribuír a poñer algún remedio a un problema, o do analfabetismo entre as mulleres, que a Enquisa sobre Muller realizada no ano 88 pola Concellería de María Xosé Porteiro revelara cifras realmente preocupantes.

A finais do ano 93, no mes de Decembro, constitúese en Vigo o Consello Municipal da Muller, o primeiro e único en toda Galicia naquel tempo. A Concelleira da Muller, Ana Gandón, presenta este Consello Municipal da Muller como un “fronte unido para alcanzar obxectivos comúns”. Neste Consello están presentes as trece asociacións de mulleres existentes na cidade, secretarias de muller das organizacións sindicais, representantes de grupos políticos, e por suposto as Vocalías de Muller das Asociacións Veciñais e da Federación Eduardo Chao, aínda que inicialmente non resulta doado chegar a un acordo respecto a cal debe ser a forma de participación.

As Vocalías de Muller das Asociacións Veciños non son, polo tanto, un feito illado, e a súa aparición non podería entenderse ben sen ter en conta tódalas actuacións realizadas dende o Concello, e sen lembrar que no movemento asociativo de Vigo, xa dende os anos setenta, existían asociacións de mulleres de varias tendencias ideolóxicas diferentes. A sociedade civil de todo o pais estructurase e organizase cada vez máis dende o final da dictadura franquista, e a medida que a democracia vaise consolidando, a vitalidade dos cidadáns e o interese polos problemas que lles atinxen e cada vez mais patente.

Así, as Vocalías da Muller xorden nun momento no que en Vigo xa podiamos atopar, en palabra de María Pila Díaz de Bustamante, “dúas xeracións de viguesas” formadas e informadas a través de intervencións reivindicativas, con diversos xeitos organizativos e variadas concepcións do papel das mulleres”.

Todo esta “fronte común”, como Ana Gandón define o Consello da muller no que están presentes todas as institucións e colectivos formados por mulleres, ou dedicados as mulleres, loitan por un obxectivo, “ saca-las mulleres da casa”. A socióloga Amada Traba Díaz, da Concellería da Muller do Concello de Vigo, nun artigo titulado Xénero e Territorio no Concello de Vigo, refírese a todo este movemento como “Programas entendidos como a ampliación das súas actividades no espacio e no tempo, pero sobre todo nos aspectos cualitativos destas coordenadas; novos espacios e tempos diversos nos que desenvolver actividades que excedan a perspectiva do domestico”. Miremos cara onde miremos as valoracións, ou as interpretacións, ou os sentimentos que explican o que todo isto significou, son sempre os mesmos, saca-las mulleres da casa, que elas sairán pola súa propia vontade, era un labor do que non se podía prescindir. Mulleres de tódolos barrios da Vigo, de tódalas idades, estados sociais e condicións accederon a unha situación nova a partir daqueles intres.

No mesmo artigo, Amada Traba resumía perfectamente algúns dos cambios que a iniciativa municipal de fomenta-las Vocalías da Muller nas Asociacións Veciñais e a actividade propia destas tiñan producido nas vidas das mulleres da cidade:

“Nos hábitos familiares, diminución da súa presencia constante a determinadas horas e da responsabilidade exclusiva nos asuntos domésticos.

Nas súas motivacións e intereses, mellora das capacidades comunicativas, interese pola formación e pro temas considerados públicos.

En certos hábitos de vida, como saír a cear algunha vez con mulleres, tomar café antes o despois das actividades da asociación ou ir de excursión sen maridos.

Na asunción de novas responsabilidades, facéndose cargo da organización e posta en practica de distintas actividades da asociación.

No acceso a postos de decisión no movemento asociativo

Nas estructuras das asociacións consistentes na creación de vocalías da muller na case totalidade das asociacións veciñais, así como en numerosas ocasións doutros ámbitos.”

Pero todo isto non significa, nin moito menos, que unha vez postas en pé as Vocalías fora doado saca-la mulleres da casa. Rosa Fontaiña, responsable da Vocalía da Muller da Federación “Eduardo Chao” durante boa parte da década dos noventa, explicaba moi ben os atrancos cos que se atoparon nos primeiros momentos da existencia das Vocalía e a conseguinte posta en marcha de cursos e demais actividades: “inicialmente foi moi duro convencer as mulleres de que non bastaba con estar na súa casa, atendendo á familia, porque había moitas cousas fora que lles podían interesar”. Ademais, a dificultade non era a mesma en tódolos barrios, porque existían, coma hoxe existen, diferencias evidentes entre os modos de vida do núcleo urbano e as parroquias da periferia rural. Un rural, onde, en palabras de Rosa, unha das mulleres que forma o actual grupo de traballo da Vocalía de San Andrés de Comesaña, “as mulleres non estaban acostumadas a saír, e nas máis das veces, as súas vidas estaban dedicadas os demais, home, fillos, casa, horta; unha muller no se permitía pensar en si mesma”. Esta situación non era, ni dende logo segue a ser, patrimonio único da parroquia de Comesaña.

Dende un barrio que foi rural fai xa tempo, e que hoxe forma parte do centro da cidade, un barrio que pasou por tódolos problemas propios da urbanización masiva e acelerada, dende o barrio de Coia, confirma esta idea, Dolores Casariego. Ela chegou a Asociación de Veciños Camiño Vello de Coia no ano 1993, cando Elena González, a que hoxe é Presidenta da Federación Veciñal Eduardo Chao, convertíase en unha das contadas mulleres que pasaba desenvolver por aquel entonces a máxima responsabilidade dunha Asociación de Veciños. Ó pouco tempo, Dolores fíxose cargo da Vocalía de Muller de Coia. Anos mais tarde relevaría a Rosa Fontaiña na Vocalía da Muller da Federación “Eduardo Chao”. Actualmente é a máxima responsable da Vocalía de Cultura da propia Federación. “Durante os dous primeiros años o obxectivo de saír da casa era insubstituíble, básico, o lema era “sal da casa”. A importancia foi inmensa sobre todo no rural. Reunirse coas demais mulleres da veciñanza, compartir problemas, darse conta de que moitos deses problemas eran comúns a moitas delas, que non eran tan terribles senón frecuentes....”.

Dende a Vocalía da Muller de San Paio de Navia afondan mais nesta cuestión e insisten nas diferencias claras respecto ó que supón o traballo das Vocalías para as comunidades de mulleres do rural fronte aquelas outras que están dentro do casco urbano. No rural, moitas veces, a Asociación, as actividades que esta organiza, son unha das poucas oportunidades que unha persoa, especialmente unha muller, ten para desenvolver a súa vida fora do fogar, para entrares en contacto có resto da veciñanza. Pola contra, no núcleo urbano, as oportunidades que ofrece a Asociación, a Vocalía da Muller, “compiten” con aquelas outras que a vida da propia urbe ofrece. De ai que en moitas ocasións sexa tan claro o feito de que nas Asociacións de Veciños situadas na periferia da cidade, o nivel de implicación e de participación dos cidadáns na vida veciñal é moito maior que nas do centro urbano.

Sen embargo, en tódalas Asociacións Veciñais, nas da periferia e nas do centro, nas que contan con mais asociados ou naquelas mais minoritarias, conseguir cas mulleres traballaran xunto cós homes que durante tanto tempo monopolizaran case que exclusiva o movemento veciñal, ó menos a súa vertente mais publica, foi unha tarefa ardua.

“A muller sempre é antes que nada muller, persoa soamente a tempo parcial. Ante todo e nai, despois esposa, e logo persoa.” Rosa Vila Cardoso traballou a prol das Vocalías da Muller das Asociacións, da Federación, e de todo o movemento veciñal case que dende “o principio dos tempos”. Dezaoito anos de actividade na Asociación de Veciños de Castrelos, actividade que “cústache diñeiro, saúde, amor, e todo”. Rosa lembra cada intento por levar as mulleres lonxe das súas casa por unhas horas, o difícil que era incluso organizar as Xornadas de Mulleres Veciñais fora da cidade, tal e como ela vira que se facía noutras vilas da xeografía nacional. Pero sempre chocaban contra o mesmo, a imposibilidade de moitas das mulleres de deixar atrás, sequera por uns intres, familia, home, casa, fillos... unha hora, un día, unha noite. As palabras doutras das mulleres que xa forma parte da historia do movemento veciñal vigués, Maruchi Fernández, de San Andrés de Comesaña, axudan a explicar mellor a situación. “A vocalía permitiu as mulleres dende os seus inicios saca-lo mandil e mailas zapatillas durante unhas horas o día dedicándose algún tempo, mentres que con anterioridade entregaban toda a súa atención na familia.”

Ó final da quinta edición das Xornadas das Mulleres do Movemento Veciñal de Vigo celebrouse, como e tradición, unha cea no Hotel Samil. Mais de duascentas mulleres asistiron a devandita cea, e nela, María Comesaña, unha muller de 62 anos, declara a prensa que aquela era a primeira vez, nos seus 62 anos de vida, que saia da casa de noite sen o seu home.

Poderiamos multiplica-la historia de María Comesaña por mil para tratar de entende-lo valor do traballo feito polas Vocalías da Muller das Asociacións de Veciños de Vigo; poderiamos multiplicala por mil, ou por dez mil e aínda así quedariamos curtos. Porque como xa veremos ó longo destas paxinas, a simplicidade xenial dunha frase coma esta, “saca-las mulleres da casa”, non pode dar a verdadeira dimensión dun movemento de mulleres tan grande como o que había de ter lugar en Vigo dende eses primeiros momentos en adiante, nin ocultar tódolos conflictos, esforzos e desvelos que centos, miles de mulleres tiveron que afrontar, nun proceso que comezaría pouco a pouco a abrirlles camiños que as levarían a ocupar o seu merecido posto na sociedade.