MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

PRIMEIROS PASOS

“A grandes trazos, o programa consiste no apoio a un grupo de mulleres mais activas, na súa maioría amas de casa que xa estaban implicadas no traballo na asociación da súa parroquia ou barrio, para a creación de Vocalías da Muller nas Asociacións Veciñais, aínda que tamén noutros ámbitos, co fin de crear grupos estables de dinamización de mulleres no seu entorno”. (Amada Traba Díaz. Socióloga da Concellería da Muller do Concello de Vigo)

Cada unha das mulleres implicadas dun xeito activo na vida do seu barrio, da súa parroquia, na súa asociación veciñal, ten unha forma diferente explica-lo que significou o feito da aparición das Vocalías da Muller. Estes diferentes modos de contar, de lembrar os primeiros anos das Vocalías nas Asociacións de Veciños, non oculta, sen embargo, que a historia foxe a mesma no máis dos casos. Tódalas protagonistas falan con entusiasmo de aqueles primeiros anos, do que supuxo cambia-la relación cos homes que naquel intre dominaban as Asociacións Veciñais, dos atrancos co diñeiro, das horas botadas no local da asociación, e do moito que pagou a pena o traballo de todos estes anos.

No xa citado artigo publicado na revista Cooperativismo e economía social, María Pilar Díaz de Bustamante explica con precisión o que significou o nacemento das Vocalías da Muller como o “desexo e a necesidade colectiva de dispor dun lugar de encontro coas outras, dunha tarefa común de traballo para elaborar obras perdurables e apreciadas socialmente – o que é moi importante para calquera que faga o traballo da casa, invisible, perecedoiro e repetitivo – un lugar para dar impulso a reflexión sobre os propios desexos e capacidades, sobre as nosas posibilidades de facer, participar e ser tidas en conta”.

Esta historia, a historia das Vocalías da Muller, dende a súa aparición ata hoxe, o ano 2004, agora que a presidencia da Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao a ocupa unha muller, é a historia dunha loita de centos, de miles de mulleres por ocupar o espacio que lles pertencía, que lles pertence.

Xa mencionamos o Segundo Encontro de Mulleres de Tenerife de Maio do ano 92. Nese encontro tómanse varias decisións, todas elas orientadas nun só senso, que as mulleres saian das súas casas e que as que están a traballar nas Asociacións Veciñais asuman postos directivos, cargos con capacidade de decisión na vida dos seus barrios, e non reduzan a súa participación ó traballo de base. Supera-lo “non sei, non estou preparada” era a consigna. Uns “non sei, non estou preparada” que, como explica Begoña González, aparecían case sempre que se lle formulaba a posibilidade de ocupar un posto nas directivas das Asociacións a maior parte das mulleres que estaban naquel intre a traballar no movemento veciñal, uns “non sei” que debían ser substituídos por “a muller que traballa ten dereito a decidir”. O fomento das Vocalías de Muller en Federacións, Asociacións Veciñais e na propia Confederación de Asociacións Veciñais de España, a CAVE, organizadora do encontro, era unha actuación máis dentro desta liña de traballo de reivindicación do papel da muller na sociedade civil e na vida dos barrios.

A volta de Tenerife comezan os traballos de creación da Vocalía da Muller da Federación Veciñal nos que Begoña González participa por encargo do Presidente da Federación, Amador Fernández. Unha Vocalía da Muller que nace cunha idea; ser unha prolongación do traballo das mulleres nas súas asociación, unha plataforma de traballo conxunto para todas elas.

Nunha das asembleas de traballo, Iraida Montejo, que como xa vimos viaxara o Encontro de Tenerife con Begoña González, resulta elixida para ocupa-lo cargo de representante da Vocalía de Muller da Federación. Tódolos demais departamentos, cultura, urbanismo, etc, tiñan xa responsables menos o de muller, así que deste xeito, Iraida convertese na primeira representante da historia da Vocalía da Muller da Federación Veciñal “Eduardo Chao”.

Iraida Montejo chegara o mundo veciñal uns anos atrás, no 90, en plena eclosión do asociacionismo en Vigo. A cidade estaba chea de problemas por solucionar, problemas que mobilizaban a veciñanzas do rural e do casco urbano que aspiraban a mellorar as súas condicións de vida, as de as súas familias, dos seus fillos e fillas. Iraida era naquel momento, e sigue sendo agora, veciña do barrio da Salgueira, vivía preto do local da Asociación, desexaba traballar a prol dos seus veciños, e sobre todo quería que a súa filla, unha nena naquel entonces, tivera a oportunidade de gozar dunha vida mellor no seu propio barrio, así que todas esas convertéronse nas motivacións de Iraida para entrar a traballar primeiro na Vocalía da Muller da Asociación de Veciños da Salgueira e mais tarde na Federación Veciñal, e que a mantiveron no movemento veciñal durante moitos anos ata que abandonouno para pasar a desenvolver un importante labor a prol da terceira idade do seu barrio.

Unha vez constituída a Vocalía da Muller da Federación, xorden as primeiras propostas de planes de traballo para os seus comezos, e ademais de, por suposto, o proxecto de fomenta-la aparición de Vocalías en tódalas Asociacións Veciñais, están tamén a posta en marcha de cursos de formación, educación para adultas, elaboración de guías de turismo cultural nas parroquias e barrios feitas polas propias mulleres, etc.

Asemade, nunha daquelas primeiras asembleas acordase consecuentemente que Iraida, como nova encargada da Vocalía, fora tamén a representante no recen creado Consello Municipal da Muller. A actividade é cada vez mais forte e pouco a pouco comezan as reunións coas futuras vocais das distintas Asociacións Veciñais. As xuntanzas celébranse cada vez no local dunha Asociación, co fin de facilitar os desprazamentos e así evita-los atrancos para asistir as convocatorias, e se orixinalmente son catro ou cinco as responsables das Vocalías que acoden a eses encontros, Valadares, A Salgueira, Candean, Teis, Comesaña, mediado o ano 92, xa son máis de dez as Vocalías das Asociacións presentes nas reunións. Os poucos meses, en Marzo do ano 93, o local da Asociación de Valadares acolle a primeira xuntanza das Vocalías de Muller existentes co fin de facer unha valoración do traballo desenvolvido naqueles primeiros días. As palabras coas que Begoña González, como secretaria da Vocalía da Muller da Federación, abre a xornada recollen moi ben o espírito do traballo de todas aquelas mulleres:

“Nestas primeiras xornadas nos marcamos como principal obxectivo valorar realmente o grande labor que as mulleres facemos dentro do movemento veciñal. Moitas veces escoitamos a mulleres que están desenvolvendo un traballo importantísimo día a día na súa asociación que din: eu non sei, eu non podo, non estou preparada, cando se lle propoñen diferentes responsabilidades nas que debe compartilo seu traballo cos homes. Pensamos que esta realidade non e mais que unha valoración negativa de nos mesmas que repercute no labor que realizamos. Precisamente coñecer a situación que vivimos as vocalías, para que o noso futuro vaia construíndose sobre o autorecoñecemento e se fundamente na propia experiencia que nestes momentos e que as mulleres levan adiante diversas responsabilidades dende os traballos de base ata formar parte das xuntas directivas. A natureza do movemento veciñal como elemento básico de organización e cambio social determina a participación das mulleres e fai posible este cambio social que supón a igualdade no traballo compartido”