MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

I. OS PRIMEIROS DIAS

“Unha asociación de veciños serve para crear convivencia, para falar dos seus problemas, das súas inquedanzas, das súas alegrías, para sentirse amparado por unha casa grande onde poden ter un paso cara o Concello cando teñen algún problema, para recuperar tradicións.” (Carmen Fernández, Presidenta da Asociación de Veciños do Val do Fragoso)

No ano 1988 María Xosé Porteiro ocupaba a Concelleira de Cultura e Muller do Concello de Vigo. Unha serie de cursos e programas de alfabetización ou emprego estaban a funcionar naquel intre coa intención de mellorar a situación e perspectivas vitais das mulleres dos barrios e parroquias de Vigo. Sen embargo, tal e como cita Diego Pérez no seu estudio sobre o movemento veciñal vigués, era necesario ir máis alá: “sacar as mulleres da súa casa e promover o intercambio de experiencias”. Inícianse entón unha serie de encontros baixo a denominación de “Muller, fala e participa”, encontros que teñen lugar nas Asociacións Veciñais promovendo nas mulleres a toma de conciencia dos seus propios dereitos, tentando de dinamizar a súa participación na vida asociativa.

A historia din que Vigo ten, nun pasado recente, unha importante tradición asociativa. Nos anos setenta hai algunhas asociacións de mulleres funcionando xa na cidade, e no comezo da década dos noventa, no momento da aparición das Vocalías da Muller, as Asociacións Veciñais de Vigo xa contaban cun longo percorrido. De feito, é o ano 1975 cando a Asociación de Veciños do Calvario solicita a súa inscrición no rexistro do Goberno Civil. Coincidindo co fin da dictadura, Teis, Lavadores, Beade, Cristo da Victoria, Bembrive ou Navia, seguen os seu pasos, e así ata quince Asociacións Veciñais, aparecen na cidade. Pronto tódolos barrios de Vigo contan coa súa propia asociación.

Nestas Asociacións, nas dos anos setenta, nas dos comezos dos noventa, e aínda as veces tamén nas de agora, producíase un fenómeno que había de servir coma unha das principais forzas xeradoras do xurdimento definitivo das Vocalías da Muller. Aínda que aparentemente o seu nivel de participación no e moi alto, dende o principio do movemento veciñal, hai mulleres traballando nas Asociacións, pero curiosamente non resulta doado atopar a ningunha delas formando parte das directivas, xa que a inmensa maioría das persoas que formaban parte dos órganos de dirección e representación das Asociación Veciñais son homes. A presencia de mulleres nos órganos de toma de decisións neses intres, é case que testemuñal. María del Carmen Avendaño, en Lavadores, e Carmiña Fernández no Val do Fragoso, son as únicas mulleres que ocupan a presidencia dalgunha Asociación de Veciños. E así manteríase a situación ata xa entrados os anos noventa.

A incorporación da muller o mundo laboral non chega o 40%: o analfabetismo rolda o 8%, e aproximadamente o 50% das mulleres de Vigo non realiza controis médicos de ningún tipo. A estas conclusións chega o Concello de Vigo có estudio “Enquisa sobre a muller”, publicado polo propio Concello de Vigo nese mesmo ano 1988 e no que tratase de determinar cal é a verdadeira situación do colectivo feminino da cidade, a súa realidade sociolóxica, económica, política ou educativa.. Dende esta enquisa ata a chegada do ano 91, e con el o cambio no goberno municipal, realízanse actuacións dedicadas no súa maior parte a atención dos malos tratos e a continuar mellorando a situación formativa, laboral e social das mulleres de Vigo, que a vista dos datos fornecidos pola devandita enquisa precisaba de fortes políticas de apoio.