MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

O MOVEMENTO VECIÑAL

“Eran bos tempos para o movemento veciñal, había moito por facer, así que todo era subir”. (Dolores Casariego. Foi responsable da Vocalía da Muller da Federación Veciñal de Vigo Eduardo Chao)

Nun artigo sobre o asociacionismo de mulleres en Vigo, publicado na revista “Cooperativismo y economía social” no ano 1994, María Pilar Díaz de Bustamante, do Departamento de Muller do Concello de Vigo, afirma que “as vocalías de muller son un xeito de asociacionismo feminino que medrou en Vigo espectacularmente entre 1991 e 1994. Este desenvolvemento propiciouno a confluencia da tradición asociativa do movemento de mulleres e o veciñal coa posta en marcha desde a Concellería da Muller do Concello de Vigo de novos programas para mulleres nas asociacións mixtas máis dinámicas. Pero o factor máis determinante é a necesidade e o desexo das mulleres de accederen a un espacio de encontro e a un tempo propio”.

E así foi. Neses catro anos, non só nas Vocalías da Muller do movemento veciñal, senón en todo o asociacionismo feminino, o panorama cambiou gracias a confluencia de varios factores, especialmente, e de novo en palabras de María Pilar Díaz de Bustamante “á enorme forza do desexo de cambio das mulleres, o caudal de enerxía que, nese intre, está a conter a estructura social con menoscabo para as mulleres e a posibilidade de que esa forza se libere para a mellora da calidade de vida de todas e de todos”.

No mes de Xuño do 91 celébranse as eleccións municipais que modifican o panorama político da cidade. Manuel Soto, ata entón alcalde de Vigo, é relevado por Carlos Príncipe ó fronte dun goberno tripartito formado polo PSdeG–PSOE, Esquerda Galega (EG) e Bloque Nacionalista Galego (BNG), e nese goberno está Ana Gandón na Concellería da Muller. As iniciativas que Ana Gandón porá en marcha no eido da política de muller do Concello fan dela unha personaxe imprescindible na historia das Vocalías da Muller de Vigo, e sen dubida, sen o seu traballo o longo de todos estes anos ata a súa retirada da vida política no pasado ano 2003, a realidade da muller de Vigo seria hoxe ben distinta. “As mulleres de Vigo debémoslle moitísimo a Ana Gandón”, din Maruchi Fernández da Vocalía da Muller da Asociación Veciñal de San Andrés de Comesaña, resumindo nas súas palabras o pensamento de moitas das mulleres da cidade.

A cuestión é que, nese final de ano do 91, coinciden no tempo, por unha banda o traballo que se viña desenvolvendo dende a Federación Veciñal “Eduardo Chao” a prol dos dereitos das mulleres e por outra, as actividades e cursos subvencionados pola Concellería de Muller destinados a “sacar as mulleres da casa”. Esta frase, que xa servira de “leiv motiv” das actuacións de María Xosé Porteiro dende o ano 88, volve a aparecer como argumento básico e denominador común na consolidación definitiva das Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais.

Nos derradeiros días do ano 91, no mes de Decembro, a Concellería da Muller do Concello de Vigo diríxese á Federación Veciñal “Eduardo Chao” có fin de solicitar información sobre a existencia dunha Vocalía da Muller na propia Federación, principalmente de cara a obtención de posibles subvencións. A comisión permanente da Federación Veciñal resposta dicindo que non existe tal vocalía no seu seo, aínda que están a traballar para creala e que teñen intención de facelo nos meses seguintes, pero que para isto precisan de axudas para sufraga-los gastos dos desprazamentos de varias representantes da Federación a encontros de carácter estatal, como é o caso dos congresos, ámbolos dous organizados pola Confederación de Asociacións de Vecinos de España (CAVE), “Mujer y Movimiento Vecina”l, celebrado en Madrid, e sobre todo, o “II Encuentro de Mujer y Movimiento Vecinal” que tería lugar na illa de Tenerife nos primeiros días do mes Maio do ano 92, ó que finalmente asisten dúas mulleres en representación da Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao” e que ten un importante papel na historia das Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais viguesas.

Unha das dúas mulleres que viaxa a Tenerife é Begoña González, veciña de Sárdoma, e que naquel intre está a traballar para a Federación Veciñal como animadora sociocultural. A outra muller era Iraida Montejo, veciña do barrio da Salgueira, e que había de ser logo a primeira represéntante da Vocalía da Muller da Federación de Veciñal “Eduardo Chao”.

O movemento veciñal de Vigo pasa por ser un dos mais fortes, ben estructurados e con mais historia de toda a xeografía nacional. No seu libro “Vigueses na democracia”, o xornalista Diego Pérez rescata un vello texto do Ministerio da Gobernación franquista dos derradeiros días da dictadura, no ano 75, no que se falaba de “actividades subversivas” nalgúns barrios da cidade de Vigo, mais en concreto, en Coia, Calvario e Ribadavia. Actividades que nos mais dos casos tiñan como orixe problemas certos, concretos e reais dos veciños, pero que en palabras do infausto Ministerio a súa verdadeira finalidade era a de “separar al pueblo de la autoridad, convencer a la poblacion de la necesidad de derrocar al regimen actual, paralizar la vida ciudadana cuando convoque la Huelga General y crear órganos paralelos al Poder”.

Aínda que sexa de xeito accidental, non está de mais o lembrar aquí como anos despois destas afirmacións do Ministerio da Gobernación, e xa co réxime democrático consolidado, políticos de diferentes ideoloxías acusaron, en varias ocasións, ó movemento veciñal vigués do mesmo, de crear unha estructura de poder paralela á institucionalizada, ou de ter demasiada influencia sobre a cidadanía, o que fala moi ás claras do receo que a meirande parte dos políticos de tódolos signos e ideoloxías senten sempre, case que por sistema, diante de colectivos saídos da sociedade civil, neste caso Asociacións Veciñais, cunha forte capacidade reivindicación e mobilización.

Nos derradeiros momentos da dictadura do Xeral Franco, no ano 68, aparecen en España as primeiras Asociacións de Veciños no entorno do xurdimento dunha oposición democrática ó franquismo, en moitas ocasións, á calor dos novos problemas motivados pola chegada de milleiros de persoas procedentes do ámbito rural ás cidades na busca dunha mellor situación económica, nun momento no que as perspectivas de que a medio prazo as cousas empezaran a cambiar en España comezaban a ser plausibles.

No período comprendido entre ese ano 68 e o ano 77, nacen en España mais dun milleiro de Asociacións nos barrios de todo o pais. Como xa vimos con anterioridade, as primeiras Asociacións Veciñais legalmente constituídas aparecen en Vigo neses anos 70. Calvario ocupa o primeiro posto en canto á data da constitución, a principios do ano 75, aínda que Teis é a primeira que ve os seus estatutos aprobados polo Goberno Civil no mes de abril do ano 1976.

Esta longa traxectoria das Asociacións de Veciños da cidade e o traballo continuado e altruísta de centos e centos de persoas son a razón ultima da ben gañada reputación do movemento veciñal vigués. O pouco de estaren finalmente artillada a infraestructura asociativa que hoxe aínda segue a funcionar, e dicir, unha Federación na que están integradas a meirande parte das Asociacións Veciñais da cidade, Fernando Martos, naquel momento presidente da CAVE visita Vigo, e o fai para discutir co Concello algunhas cuestións relacionadas coa VI Asamblea Nacional da CAVE, que había de ter lugar en Vigo no mes de Marzo do ano seguinte. Nunha roda de prensa, Fernando Martos fai unhas declaracións nas que afirma que “Vigo dispone de una de las mejores infraestructuras de España, ya le gustaría a algunas asociaciones que hay en otros lugares tener los locales que tienen algunas aquí”. Opinións no mesmo senso que esta repetiranse mais veces ó longo da historia do movemento veciñal vigués. Iraida Montejo y Begoña González lembran como en mais dunha ocasión, Vigo era posta como exemplo nas asembleas nacionais da Confederación de Asociacións de Veciños de España y a admiración que a potencialidade do movemento veciñal vigués espertaba nos representantes doutras cidades, unha admiración da que, por outra banda, son perfectamente conscientes todos os homes e mulleres que dalgún xeito teñen relación co movemento veciñal de Vigo e que se traduce nun non disimulado orgullo por formar parte dunha organización social coma esta.

Sen embargo, para chegar dese final da dictadura ata o momento da constitución da que ata agora e a estructura de funcionamento do movemento veciñal, tiñan que pasar uns cantos anos e unhas cantas cousas. Polo de pronto, no ano 1978 celebrase a primeira asemblea da Coordinadora de Asociacións. Xa antes, no ano 76 rexístranse intentos de artellar a devandita Coordinadora, intentos que remataran nese ano 78 coa súa definitiva posta en marcha. Catro anos mais tarde, en novembro de 1982, en Panxón, reúnense os representantes de tódalas Asociacións do movemento veciñal no Primeiro Congreso de Asociacións de Veciños de Vigo e Bisbarra, e tras esta xuntanza, crease a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo e Bisbarra que había de subsistir a duras penas durante a meirande parte dos anos oitenta ata a súa disolución. Sen embargo, e malia esta circunstancia, os problemas á hora de escoller xunta directiva, e da súa falla de operatividade, as Asociacións de Veciños deciden non abandonar o proxecto de contar cunha Federación que dalgún xeito unifique o traballo de todas elas.

A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao” aparecerá como tal no mes de Novembro do ano 1988. A súa constitución legal definitiva prodúcese o 26 de novembro dese mesmo ano. Xosé Antonio Bastos Rodríguez, da Asociación Veciñal de Castrelos, como Presidente, Antón Bouzas, da Asociación Casco Vello, como secretario, Manuel da Veiga, da Asociación de Veciños do Calvario, exercendo de tesoureiro, xunto a Cándido Iglesias, de Coruxo, Carmen Fernández, da Asociación do Val do Fragoso, Xulio Larrañaga, de Teis e Alberto López, de Saians, formaban a histórica primeira comisión permanente da Federación Veciñal de Vigo. O que fora ministro da República, Eduardo Chao, dálle nome, e na súa declaración de principios citase a preocupación polo medio ambiente, a cultura, as liberdades publicas e “a defensa dos dereitos das mulleres dentro e fora da Federación e a denuncia dos malos tratos”.

Falamos antes da prensa local, e de como dende principios da década dos noventa recolle cada vez con maior frecuencia noticias o respecto da actividade do mundo asociativo. Nos derradeiros meses do ano 91 esa actividade do movemento veciñal acelerase. En Marzo firmase o Convenio de Participación entre a Federación e o Concello e comeza a fase de elaboración do correspóndete regulamento. En Setembro dese mesmo ano, catro representantes de Asociacións de Veciños viaxan a Mallorca co fin de estudiar o funcionamento do movemento veciñal nas illas baleares, naquel intre, o mellor considerado de España. Tamén nese mes, a Federación “Eduardo Chao” contrata unha empresa especializada na elaboración de enquisas co fin de determinar os verdadeiros intereses e necesidades dos veciños. Ó mesmo tempo, dende Vigo traballase intensamente nestes últimos meses do ano 91 na constitución dá Confederación Veciñal Galega.

Naqueles anos, a Federación non contaba cun local propio e non será ata Febreiro do seguinte ano 92 cando o Concello lle ceda o local da rúa Ecuador. O certo é que dende o seu nacemento no 88, a Federación no tería demasiada colaboración por parte do Concello, nin con axudas económicas, nin tampouco outorgándolles representación en organismos municipais. Dende o goberno municipal acusase a Federación Veciñal de estar unicamente interesada en acaparar poder e diñeiro e de, como xa vimos, crear unha estructura de poder paralela á do Consistorio.

No ano 90, Amador Fernández, da Asociación do Calvario, chega a Presidencia da Federación Veciñal, e con el, Xabier Pérez, Xosé Manuel Pérez, Xosé Rodríguez, Xulio Larrañaga, Vitorino Enríquez e Celso Rodríguez. Moitas cousas están a piques de cambiar, pero mentres non e así, o equipo de Amador Fernández traballa dende un espacio cedido pola Asociación de Veciños do Calvario.