MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

INTRO

“....as mulleres que son amas de casa pasan a vida no barrio, mentres que moitos homes sinxelamente comen e dormen alí. As mulleres coñecen mellor o barrio” (Britt-Marie Thurén. Antropóloga da Universidade de Umeia, Suecia)

Esta é unha historia de algo que puido ter sido e foi, de cómo foi e das mulleres que na cidade de Vigo o fixeron posible nos derradeiros anos do século XX.

Nada seria mais de xustiza que reproducir aquí tódolos nomes de todas esas mulleres que de tódolos xeitos posibles contribuíron a escribir esta historia. Ningunha outra cousa resumiría mellor o resultado dos seus mais de dez anos de traballo e os logros que neles acadaron. Pero non resultaría doado facelo. E non o sería, por unha banda, porque son miles os nomes que conformarían esa lista, e sempre, aínda que nos quixeramos, esqueceriamos algún, pero sobre todo porque esta historia foi posible gracias a mulleres que nunca ansiaron que o seu nome quedara escrito en listas, placas conmemorativas, premios, recoñecementos, en ningures, senón que polo contrario deixaron que fora o resultado dun traballo polo que tanto loitaron, a testemuña do seu paso por alí, a súa memoria.

Esta é pois unha historia na que os nomes, as datas, ou as cifras pérdense na memoria, nas memorias de tódalas mulleres de Vigo, unha historia difusa polo que ten de colectiva e de anónima, gardada nas lembranzas deses milleiros de mulleres, chea de sacrificios e esforzos, pero tamén de obxectivos acadados, concretos; obxectivos que hoxe son feitos que cambiaron a vida de Vigo, das súas mulleres e tamén dos seus homes, uns feitos que poden axudar en moito a paliar dalgún xeito os inescusables esquecementos que supón contar esta historia. A historia das Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais de Vigo.

Vigo é hoxe unha gran cidade. Un núcleo urbano con grandes empresas e parques tecnolóxicos, cun dos portos pesqueiros máis importantes do mundo e un aeroporto con voos internacionais, unha universidade importante e un equipo de fútbol xogando nas máximas categorías continentais. Vigo “está” no mundo, e recen alcanzados os trescentos mil habitantes, estende cada vez mais os seus limites e segue a crecer convertida nunha urbe clave na cornixa atlántica europea. Melloramos a nosa calidade da vida, as nosas comunicacións, as nosas oportunidades e as de os nosos fillos de ter unha vida mellor, e agora, dende o ano 2004, se volvemos a vista atrás, podemos ver de novo, e de un xeito distinto, moitos dos feitos que transcorreron na nosa cidade nos últimos anos.

Os xornais da década dos oitenta fálannos hoxe dun mundo xa moi afastado da realidade contemporánea na que vivimos. Vigo, naquel intre, espertaba e loitaba por deixar atrás unha forma de vida que morría; as noticias que podiamos ler semellaban os derradeiros ecos dese mundo moribundo, dunha sociedade e dunha cidade que deixaba paso a realidades distintas que en pouco tempo cambiarían as existencias de todos os seus cidadáns.

O planeta enteiro entrou nun proceso de transformación completa no comezos dos anos noventa. Os mapas xeográficos que coñeciamos, as ideoloxías políticas que organizaban ó mundo, os roles sociais que estructuraban as nosas sociedades, todo estaba a cambiar, e facíano cada vez máis rápido. En a penas catro ou cinco ano, vimos chegar a Gorbachov ó poder na URSS, fomos testemuñas incrédulas da caída do Muro de Berlín, asistimos a primeira guerra no Golfo Pérsico, unhas olimpíadas en Barcelona, chegaron mais canles na televisión, unha exposición universal en Sevilla, mais guerras nos Balcáns, os primeiros ordenadores persoais... O mundo cambiaba, non había dubida.

A cidade, Vigo, tamén estaba en transformación, circunvalacións, obras escultóricas nas rúas, autoestradas, reconversións industriais, novos veciños chegados doutros países... en resumo, novas necesidades e tamén novos problemas para unha sociedade máis complexa en continuo e cada vez máis rápido cambio.

As novas dos medios de comunicación da cidade falan de todo isto. Recollen a trepidación dunha vida cada vez mais acelerada, dunha sociedade xa acostumada a democracia que asiste os conflictos no Concello entre políticos que non sempre souberon estar a altura dos seus cidadáns; pero tamén falan, e cada vez con maior frecuencia, das actividades das Asociacións Veciñais de Vigo e da Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao”, que de súpeto parecen entrar na realidade da cidade dispostas a defende-los seus intereses e dereitos; os problemas dos barrios e parroquias, e as reivindicacións e protestas das súas respectivas veciñanzas ocupan paxinas e paxinas da prensa local.

Así que os primeiros anos noventa transcorren en Vigo entre conflictos políticos, como case sempre, pero tamén sendo testemuñas dunha explosión do movemento veciñal, da aparición definitiva dun novo axente de participación na vida de cidade cunha capacidade de estructuración, de influencia e mobilización realmente asombrosa e dificilmente comparable con outras cidades de España. Unha capacidade que Carmen Fernández, a que fora presidenta da Asociación de Veciños do Val do Fragoso, unha muller que xa forma parte da historia do movemento veciñal de Vigo, e quen de resumir perfectamente: “A sociedade para que funcione, ten que estar organizada, non digo que teña que estar sempre protestando, pero ós políticos moitas veces é necesario lembrarlles o que teñen prometido. A participación é fundamental para que a sociedade funcione. As Asociacións de Veciños son as que mais afiliados teñen, mas que os sindicatos, e mais que os partidos políticos”.

Pouco a pouco, Vigo convertese nunha cidade cada vez mais complexa, unha gran urbe que acolle feiras e congresos de importancia mundial, que é unha referencia cultural para todo ó pais, protagonista de terremotos políticos que transcenden mais ala das súas fronteiras, pero que segue a manter moitas das súas vellas tradicións e costumes como parte imprescindible da vida e da identidade da súa veciñanza. Tal e como a define Amada Traba, socióloga da Concellería da Muller do Concello, “...unha cidade moderna de recente e rápida urbanización, y con unha elevada porcentaxe de inmigrantes, procedentes na súa maioría de outros municipios rurais mais ou menos próximos. Pero presenta tamén un perfil tradicional en toda a franxa que rodea ó núcleo....”.

Nese contexto de cambio global en todo o planeta, de final de milenio, de axuste das estructuras sociais as novas realidades, é no que fan a súa aparición as primeiras Vocalías da Muller nas Asociacións Veciñais.

Recolle-la súa historia non é, como xa vimos, unha tarefa doada. De tódalas grandes historias falan os xornais, os medios de comunicación. Pero como case sempre é difícil atopar nas súas paxinas noticias sobre as pequenas historias que sumadas constrúen unha grande. A prensa non fala case nunca de Rosa, ou de Carmen, de Beatriz, Ana, Dita, Mercedes, Amparo, Sita, Leonor, María, Conchi... E este é o caso. A suma de centos de pequenas historias de mulleres anónimas ten como resultado unha grande que transcende a vida dunha urbe de trescentos mil habitantes no final do século XX.

Hoxe, temos trinta e dúas Asociacións Veciñais funcionando en Vigo, con trinta e dúas Vocalías da Muller nos barrios e parroquias desenvolvendo o seu labor dun xeito normalizado, e todo é gracias a elas, as xa citadas, as que apareceran ó longo destas paxinas, e ás centos e centos delas mais ás que nunca teriamos nin tempo nin paxinas para lembralas dabondo.