MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

III. MEMORIA DO PORVIR

“Existe un grave problema no movemento veciñal, en todo o movemento veciñal, non soamente nas Vocalías da Muller, non está ofrecendo o que a xente quere. O movemento veciñal non soubo evolucionar co resto da sociedade”. (Iraida Montejo. Primeira Responsable da Vocalía da Muller da Federación Veciñal Eduardo Chao)

“Un feito común a tódalas entidades analizadas e que a configuración das directivas presenta un mesmo problema: individuos que levan moitos anos no labor xestor veciñal e falta de capacidade para implicar xente nova que permita pensar nun relevo xeracional. Por outro lado, un elemento relacionado co anterior e que necesita ser interpretado axeitadamente é a existencia dun numero de persoas elixidas nunha directiva que non se tende a corresponder cos individuos que participan activamente no labor xestor cotián”.

Este texto podería moi ben ser escrito hoxe mesmo, pero sen embargo tratase dun fragmento que pertence a un estudio sobre o movemento asociativo veciñal vigués publicado no ano 1996. Oito anos mais tarde, preguntadas ao respecto de todas estas cuestións, as mulleres das Vocalías mostran a súa preocupación por un futuro que ven como algo incerto.

Respondendo a que fora unha das claves da súa propia creación, a integración normalizada no mundo veciñal, hoxe xa non podemos desvincular o futuro das Vocalías da Muller do resto da infraestructura de traballo das Asociacións Veciñais, ou coma din Rosa Vila tras dezaoito anos no “universo” veciñal; “A Vocalía da Muller esta ligada a Asociación”. Para ben ou para mal deixaron xa atrás os tempos nos que as Vocalías da Muller eran vistas case que como intrusas nun mundo que naquel intre non era o seu, e actualmente, non soamente son unha parte normalizada dese mundo, senón que convertéronse no seu principal sostén, o verdadeiro, e en moitos casos, único motor da vida das Asociacións Veciñais. Avalada pola súa experiencia, Begoña González afirma que “as Asociacións funcionan gracias o traballo das mulleres”, e non lle falla razón. O problema é, pois, como din Iraida, non só das Vocalías da Muller senón de todo o movemento veciñal. Para Begoña González, “...as Asociacións están demasiado encerradas en si mesmas. Demasiado tempo ofrecendo sempre o mesmo fai que mentres no rural aínda manteñen certa representatividade e importancia, dentro do núcleo urbano están perdendo rapidamente a súa identidade”.

Estas valoracións feitas hoxe en día sobre o futuro das Vocalías da Muller, do movemento veciñal, lémbrannos os comezos dos anos noventa, cando, como dicía Loli Casariego ó longo deste informe, as Asociacións Veciñais estaban demasiado encerradas en si mesmas, carentes dunha perspectiva global dos problemas existentes mais aló dos limites do barrio, tamén necesitadas de “saír da casa”, ata que o fixeron e decidiron abri-las súas portas o resto da cidade e crecer. Ou tamén poden lembrar as diferencias existentes entre o rural e o núcleo urbano, acentuadas de novo nestes últimos anos pero que xa, fai agora unha década, eran patentes como recollían no Xan Bouzada e Anxo Lorenzo “A vitalidade de entidades de potencia alta como son exemplos Valadares ou Castrelos contrasta coa precariedade dalgunhas entidades urbanas. Nas cales esta todo por facer...”

As conclusións as que chegaron Xan Bouzada e Anxo Lorenzo no seu devandito estudio sobre o movemento veciñal vigués do ano 96 recollían unha situación que xa viña de atrás. Malia que nese primeiros anos noventa as Vocalías da Muller están na súa fase de maior crecemento xa existían testemuñas da pouca implicación de moitos veciños e veciñas no traballo das Asociacións e de temor polo futuro.

A Vocalía da Muller de Candean comezou a súa andaina a finais do ano 1991, como a maioría delas, no momento en que dende o Concello e dende a Federación Eduardo Chao inícianse actuacións encamiñadas o seu fomento. Dolores Iglesias foi a súa primeira representante e outra das mulleres clave na historia das Vocalías do movemento veciñal de Vigo. No seu barrio, en Candean, as cousas discorreron mais ou menos do mesmo xeito que noutras asociacións. Constituíron a Vocalía sen demasiados atrancos e mantendo unha boa relación con presidente e o resto da directiva da asociación. Xunto con outras dúas compañeiras coas que formaba a Vocalía de Muller, e como sucedía en A Salgueira, en Coia, en Bembrive... Loli Iglesias, atendía a moitas mas areas ca de muller, levando o peso da meirande parte das actividades da asociación. Dende a Vocalía da Muller organizábanse cursos, actividades, grupos de baile, de gaitas... E todo isto xunto facía que, xa naquel intre, Dolores queixarase publicamente, nas xuntanzas coas súas compañeiras doutros barrios, da ausencia de axuda, da falla de relevo, e que fixera en voz alta a reflexión de ata que punto pagaba a pena seguir adiante traballando naquelas circunstancias de falla de perspectiva de futuro. Once anos pasaron dende entón.

Naquel mesmo ano 93 celebráronse en Vigo unhas Xornadas organizadas pola CAVE, e nas actas que recollían as conclusións da xuntanza, o futuro era xa unha cuestión a debate no seo do movemento asociativo veciñal de toda España. Daquel entonces ata agora podería parecer que as cousas non teñen cambiado moito pero a realidade é outra e se ben subsisten algúns dos problemas que fai dez anos existían nas Asociacións Veciñais, o certo e verdade é que no seu horizonte e polo tanto tamén no das Vocalías da Muller, coma parte do mundo veciñal, aparecen novas cuestións as que cumpre dar respostas.

“A Vocalía da Muller da Federación Veciñal Eduardo Chao creouse a principios do ano 1992 co obxectivo de coordinar as Vocalías da Muller que se estaban a crear nas Asociacións Veciñais, a vez de facer proxectos en común e formar unha unidade con todas as mulleres do movemento veciñal”. De este xeito tan claro definía Iraida Montejo as razóns da existencia das Vocalías da Muller. Eran outros tempos, nos que era moito o camiño por percorrer e o futuro do movemento veciñal, e especialmente das Vocalías, era aínda un territorio non conquistado. Hoxe, dez, doce, quince anos despois, o futuro volve a ser, outra vez, unha páxina en branco aínda por escribir. As Vocalías da Muller reconstrúen a súa memoria para poder lembrar as súas orixes, e asemade tódalas mulleres que dun xeito u outro tiveron un papel activo na súa historia fanse moitas preguntas sobre o que esta por vir.

Dúas conclusións parecen claras. Por unha banda, o traballo desenvolto pagou moito a pena. Estes anos foron “un tempo espléndido para a muller”, din Loli Casariego. Un tempo no que partindo practicamente da nada case absoluta acadáronse cotas non pensadas quince anos atrás. Por outra banda, este tempo parece chegado o seu fin. O ciclo que comezou María Xosé Porteiro fai dezaseis anos, o que Ana Gandón continuou dándolle o pulo definitivo, tódalas actuacións encamiñadas a que as mulleres saíran da casa, todo isto, tocou teito. Esta afirmación pode moi ben ser cuestionada, porque outra realidade, a das cifras, din outra cousa, din que o programa “O Noso Tempo” segue a funcionar con éxito, que ano tras ano mulleres de todo Vigo participan nos cursos, nas xornadas, na travesía as Cies..... Pero, asemade, a sensación de que as cousas deben cambiar está presente dende xa fai tempo na mente de moitas das responsables das Vocalías da Muller ou tamén daquelas mulleres que sen estar na actualidade directamente vinculadas ó traballo veciñal, desenvolveron unha función esencial nelas fai algún tempo, e agora, como espectadoras activas, dende fora do movemento, observan a súa evolución coa perspectiva que da a distancia.

O certo é que esta sensación non se queda unicamente en iso, nunha sensación, senón que tamén ten as súa confirmación na realidade, ben sexa pola ausencia de relevos nas Vocalías de Muller, e o que isto supón de falla de implicación das mulleres novas, e tamén polo desexo que dende as Vocalías existe de artellar novos mecanismos que lles permitan atender a novas necesidades da muller contemporánea e de algunha maneira supera-lo fito, e ao mesmo, o limite, que constitúen os cursos de formación e ocio das propias Vocalías.

Estas dúas conclusión pódense extraer das palabras de Mercedes Penabella, a actual representante da Vocalía da Muller da Federación Veciñal Eduardo Chao. Ata fai ben pouco, Mercedes era a representante da Vocalía da súa Asociación Veciñal, Casco Vello, á que chegou no ano 2001, pero dende o mes de Febreiro do ano 2004 ocupa o cargo na Federación substituíndo a Patricia Torrado que a penas estivo na Vocalía uns meses.

Para Consuelo, de Navia, o futuro e negro, e pensa incluso que algún día o local da Asociación de Veciños terá que ser cedido ó Concello para que se faga cargo del, ó non existir relevo xeracional, e xa non só dentro da Vocalía de Muller, senón tamén no conxunto da Asociación. Na Vocalía de San Paio de Navia, dez anos despois da súa posta en marcha seguen a ser as mesmas do principio.

Esta situación non e nin moito menos exclusiva de Navia, e repítese na meirande parte das Asociacións Veciñais. Directivas formadas case sempre polas mesmas persoas tras anos, incluso décadas, de permanecer de maneira continuada no mesmo cargo de representación; unhas medias de idade realmente elevadas, unha falla practicamente absoluta de xente nova interesada na participación veciñal, e un descenso xa prolongado da actividade nas Asociacións, que hoxe, en mais dun caso, manteñen as súas portas abertas gracias as actividades das Vocalías da Muller. Sen embargo, esta “crise xeracional” tamén está xa presente nas Vocalías da Muller, e tras elas, nas Asociacións Veciñais, xa non hai ninguén mais que manteña en funcionamento unha estructura que acadou cotas de participación e influencia realmente fortes e sen comparación no conxunto de España.