MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

MANS CREATIVAS

“Esta Vocalía foi a primeira en ofertar as mulleres da nosa parroquia un curso de encaixe galego e unha viaxe cultural a Camariñas para coñece-los secretos do encaixe. A partir deste curso e da viaxe incrementouse o interese das mulleres por algo tradicional da nosa cultura”. (María José Paz. Responsable da Vocalía da Muller da Asociación Veciñal “A Nosa Terra” de Alcabre

O informe no que se recolle a actividade da entonces recen constituída Vocalía da Muller da Federación no ano 94 din: Exposición “Recuperémo-las nosas mans”. Realizada do 29 de setembro o 2 de Outubro coa participación de 42 Vocalías e Asociacións de Mulleres de toda a cidade. Nesta exposición mostráronse os traballos realizados polas mulleres en mais de 200 cursos. Na súa organización colaboraron 168 mulleres dos barrios, mais 20 das Vocalías da Federación. A exposición contou cunha asistencia de 3281 persoas, sendo o día de mais visitantes o domingo. A valoración que mereceu esta exposición foi dun rotundo éxito por parte de tódalas persoas consultadas”.

Dous anos despois, no 96, e baixo o nome de “Temostraballos”, a Vocalía da Muller da Federación celebra de novo unha exposición con algúns dos traballos mais representativos realizados polas mulleres nas Vocalías das Asociacións ó longo dos cursos celebrados. No ano 95, mais de dez mil mulleres asistiron ós cursos de formación e ocio celebrados nas devanditas Asociacións Veciñais. Palillos, tapicería, coiro, cerámica, pintura, escultura ou arte floral, foron as principais mostras expostas. Dende ese ano, tódalas primaveras, os cidadáns de Vigo teñen unha cita con esta exposición.

No mes de Maio 2003 celebrouse a X exposición dos traballos realizados por mulleres dentro do programa “O noso tempo”. Tivo lugar na Praza da Princesa e contou coa presencia de trinta Vocalías da Muller das diferentes Asociacións Veciñais do municipio e dun total de cento catorce mulleres que viron representado o seu traballo coa presencia nos vintedous talleres finais.

Calquera da persoas que teña asistido a algunha destas exposicións que hoxe coñecemos como “Mans Creativas, e nas que, unha vez o ano, móstranse os traballos das mulleres das Vocalías, sabe que por enriba do seu valor social e festivo, resulta realmente sorprendente a alta calidade da meirande parte dos traballos alí expostos. Ou coma afirman Elvira Vila e Ana Otero, da Vocalía da Muller da Asociación de San Miguel de Oia “a vocalía integra as mulleres en actividades que nin elas eran conscientes que podían realizar”. Unha idea que comparte Rosa Fontaiña, “0s cursos tamén serviron, na parte mais trivial, para sacar á luz, talentos e capacidades cas propias mulleres descoñecían ter”

Son moitas as vertentes dende as que pódense analizar os cursos desenvolvidos nas Vocalías da Muller, tanto os pertencentes o programa “O Noso Tempo” coma ós postos en marcha pola propia Asociación de Veciños. Xa falamos da súa vital importancia nos primeiros días das Vocalías, e do seu definitivo papel a hora de conseguir que miles de mulleres saíran, aínda que fora por un rato a semana, das súas casas co conseguinte labor de integración na vida veciñal que todo isto supuxo, ademais, claro está, do propio labor formativa que dalgún xeito queda reflectida nestas exposicións anuais. A capacidade de convocatoria destes cursos e enorme e a súa importancia indubidable.

Ó mesmo tempo, este éxito convive coa evidente necesidade de que, para adaptar o seu funcionamento o signo dos tempos, as Vocalías da Muller despreguen un labor que dalgún xeito transcenda mais aló do que hoxe supoñen os cursos, pero sen esquecerse deles, sen abandonar unha actividade clave a hora de entender o seu éxito, a súa capacidade de convocatoria e mobilización en cada un dos barrios da cidade. En palabras de Iraida Montejo; “Sabemos que non podemos quedar só en meros cursos de entretemento, pero tamén temos claro que non podemos deixar de realizalos, xa que hai moitas mulleres que nunca darán un paso mais adiante e pensamos que é importante que saian da casa, aínda que so sexa para pasar un rato de ocio. Cremos que temos que empezar a reivindicar tamén o dereito a saír da casa simplemente por saír, sen necesidade de buscar unha maior preparación ou cultura”.

Sen dubida, gran parte do futuro éxito das Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais dependerá de que saiban manter un delicado equilibrio entre, por unha banda, novas funcións e servicios que cubran as emerxentes necesidades das mulleres das parroquias do Vigo do século XXI, e por outra, o mantemento das actividades de ocio, que coma “O Noso Tempo” ou “Mans Creativas” son a porta ó social para centos e centos de mulleres, porque coma afirma Maruchi Fernández, “hai distintos tipos de mulleres e a Vocalía está para formación, está para colaboración, está para axudar tódalas mulleres”.

De feito, dalgunha maneira, a sínteses final desta historia, da historia das Vocalías da Muller, moi ben podería ser calquera das pezas exhibidas en calquera das exposicións de Mans Creativas, un pano de encaixe, unha manualidade rusa, un tridimensional, pinturas, unha peza de barro... Todas elas foron necesarias nun principio cando era preciso levar algo o fogar para xustificar as horas botadas fora da casa, lonxe das tarefas que “deixara desatendidas” para comezar unha aventura, a das Vocalías da Muller. Como explica Rosa Fontaiña, “Ó principio era imprescindible levar algo a casa como xustificación de a que tiñan dedícao o seu tempo”.

Mais aló da súa perfección técnica, da complexidade da súa elaboración ou da súa propia funcionalidade ou beleza, cada unha destas obras de arte simboliza un esforzo e unha loita moito mais grande que o que a súa simple elaboración supón.