MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

IDEOLOXÍA VECIÑAL

“... pensamos que somos mulleres do movemento veciñal e queremos traballar dentro dos barrios para a muller, pero en compañía dos nosos compañeiros”. ( Informe da Vocalía da Muller da Federación Veciñal Eduardo Chao)

O movemento veciñal é plural e diverso nas súas reivindicacións. De este xeito definíanse as Asociacións de Veciños de toda España co gallo da celebración dos seus trinta anos de existencias no ano 98. “El movimiento vecinal defiende con energía la participación como derecho ciudadano. No solo la democracia representativa, sino también la democracia participada de todos los ciudadanos. A los ciudadanos hay que consultarlos permanentemente, hay que escucharles en todas sus sugerencias y canalizar su participación en todas aquellas reas que les impliquen en sui barrio, pueblo o ciudad. En todos estos años las AA.VV. non han cejado en el empeño por mejorar las condiciones de vida de sus convecinos”.

A historia das Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais de Vigo é unha desas historias que ó principio parecen pequenas e simples, pero que a pouco que entramos nelas, encontramos un mundo complexo, sorprendente e cheo de matices; un mundo feito de iso, de pequenas historias locais que nembargantes enlazan co que está a suceder noutras cidades, ou países, coa historia doutras mulleres que tamén, coma en Vigo, naqueles anos loitaban por obter para as súas vidas moitos dos dereitos dos que durante tanto tempo se verán privadas. A idea coa que as Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais foron creadas en toda España non foi a de poñer en pe unha organización que defendera unicamente os intereses das mulleres senón a de que as mulleres, mais aló de ideoloxías ou conviccións políticas ou relixiosas ou de calquera outra índole, defenderan os seus intereses dende o interior das Asociacións de Veciños coma membros de plena igualdade das veciñanzas que eran, unha igualdade non recoñecida de xeito xeneralizado e que resultaba necesario gañar. Construír un espacio nó que as mulleres puideran traballar xuntas, traballar a prol das mulleres e tamén para o resto da sociedade, e ademais que fora este un traballo compartido cós homes.

As Vocalías da Muller das Asociacións Veciñais non atenden entón a ideoloxías. Esta cuestión aparecera como motivo de debate no Segundo Encontro de Mulleres de Tenerife, onde foi formulada, por algunhas das asistentes, a posibilidade de integrar dentro do movemento veciñal ás asociacións independentes de mulleres, proposta que foi finalmente rexeitada por entenderen as congresistas que a introducción de elementos ideolóxicos no asociacionismo veciñal non axudaba a acadar o obxectivo de que as mulleres participaran dun xeito mas intenso, e en termos de igualdade de condicións cos homes, na dirección e toma de decisións no traballo das Asociacións nos barrios e parroquias, e de este xeito quedou reflectido nas conclusións do Encontro.

Esta cuestión é de novo presentada nas primeiras reunións que a Federación Eduardo Chao celebra coas Vocalías das Asociacións, e de novo a conclusión volve a ser a mesma, tal e como recollen os Informes da Vocalía da Muller da propia Federación, sendo naquel intre responsable da mesma Iraida Montejo: “Como Vocalía da Muller do movemento veciñal que somos, deixamos constancia da nosa oposición a converternos en asociacións de mulleres, xa que pensamos que somos mulleres do movemento veciñal e queremos traballar dentro dos barrios para a muller, pero en compañía dos nosos compañeiros”.

Ó longo de todos estes anos de existencia das Vocalías de Muller, as cuestións de índole ideolóxica ou as relacionadas coa formación e integración dentro do movemento veciñal de asociacións independentes de mulleres, teñen aparecido de maneira recorrente, e de feito, ademais das declaracións nas xuntanzas da CAVE ou dos informes da Federación, xa dende os primeiros momentos da existencia das Vocalías da Muller, tivo a súa aparición concreta nalgunha Asociación de Veciños como foi o caso de Valadares

María Vidal foi unha das mulleres que, xunto con Begoña González, Iraida, Maruchi, Rosa e o resto de mulleres que acudiron ós primeiros chamamentos da Federación e do Concello, mais esforzo e traballo aportou na creación dunha infraestructura asociativa veciñal que hoxe mantense en perfecto funcionamento. Mulleres con inquedanzas que xa viñan desenvolvendo un labor a prol das veciñas dou seu barrio ou parroquia e que xuntáronse en torno a un fin común nos primeiros anos da década dos noventa. Este era o caso de María e da súa Asociación, Valadares, unha das que contan con maior nivel de participación e afiliación dos seus veciños, e cunha das Vocalías da Muller mais activas e que mais propostas e posibilidades de formación e ocio ofrecía as mulleres xa dende os seus primeiros anos de funcionamento.

“En ningunha das asociacións foi fácil crear a vocalía da muller”, dicía Iraida Montejo, xa o vimos. No caso de Valadares, un dos principais atrancos foi a aparición dun grupo de mulleres que tentaba desenvolver unha actividade paralela a da propia Vocalía. Tal e como o conta María Vidal, un cambio de directiva na Asociación supuxo a entrada de criterios políticos na actuación da mesma, criterios que naquel intre, non eran demasiado favorables a existencia dunha Vocalía da Muller dentro da Asociación, e menos dunha Vocalía tan activa e que podía acadar fondos das subvencións municipais como a de Valadares. De ai que a propia directiva fomentara a creación dun grupo independente de mulleres dentro da Asociación de Veciños, un grupo denominado Mulleres Rurais, que contaba coa súa propia Vocalía da Muller, e que malia non presentar un nivel de actividade nin tan sequera cércano ao da Vocalía da propia Asociación, representaba de novo un obstáculo para un dos obxectivos básicos da creación das Vocalías de Muller, o desenvolvemento dun traballo conxunto de tódalas mulleres do barrio a prol de tódalas mulleres do barrio, dende dentro de todos e cada un dos ámbitos das Asociacións Veciñais, ou como explicaba a Secretaria da vocalía da Federación, Begoña González: “Vocalías, si, pero para estar en todo, compartindo cos homes o traballo completo da asociación”.