MEMORIAS DE MULLER

MEMORIAS DE MULLER

Alberto Prieto Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

ATRANCOS

“En ningunha das Asociacións foi fácil crear a Vocalía da Muller”. (Iraida Montejo. Responsable da Vocalía da Muller da Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao”)

No mes de Setembro do ano 92 a Federación Veciñal Eduardo Chao organiza a I edición da Festa do Veciño e o fai no parque de Castrelos. O movemento veciñal encontrase nunha época de esplendor e crecemento, participando dunha maneira moi activa nos conflictos e problemas dos barrios de Vigo, mostrándose como un axente moi importante a ter en conta, especialmente polas institucións e responsables políticos, na vida da cidade. A Federación “Eduardo Chao”, xa consolidada, está a piques de estrear o seu primeiro local, situado na rúa Ecuador e cedido polo Concello, e a chegada de feito expreso das mulleres as Asociacións Veciñais, fenómeno que acaba de comezar, aínda non fai un ano dende que Ana Gandón fixera publica a súa intención de saca-las mulleres da casa, está a introducir un elemento novo na vida de todo o movemento veciñal.

Coa I Festa do Veciño, hoxe consolidada, a Federación “Eduardo Chao” pretendía naquel intre que a clase política entendera que “as Asociacións de Veciños non nos limitamos unicamente a solicitar melloras para os nosos barrios, senón que ademais realizamos un importante labor cultural”, tal e como dicía Amador Fernández, Presidente da Federación Veciñal. A festa non conta cunha gran colaboración por parte do Concello que lles nega o acceso a algunhas das zoas do parque de Castrelos e restrinxe a axuda económica, pero aínda así, mais de setecentas persoas acoden a convocatoria festiva, na que ademais, van a recibir unha homenaxe varias persoas cunha traxectoria longa e recoñecida no movemento veciñal. Amador Fernández declara que: “...con esta homenaxe, o colectivo veciñal de Vigo quere expresa-la súa gratitude e recoñecemento a xente que de xeito altruísta, consagrou unha parte importante da súa vida a mellorar as condicións de vida nos seus barrios e nas súas parroquias”. Trece persoas de diferentes barrios de Vigo son as propostas polas súas propias Asociacións para recibir esta homenaxe; destas trece persoas, ¡soamente unha e muller!, Carmen Rodríguez Campos da Asociación de Veciños de Teis.

Esta desproporción pode dalgún xeito dar unha idea da situación deste universo veciñal neses anos. As mulleres traballaban, estaban nas Asociacións, pero como lembra Iraida Montejo, “as mulleres estaban nun segundo plano”, e si a penas había mulleres nas directivas, vemos como a hora dos recoñecementos e de render homenaxe a persoas que contribuirán a traxectoria do movemento veciñal, as mulleres no eran tampouco demasiado tidas en conta.

María del Carmen Fernández, “Maruchi”, é de Comesaña. Leva xa moitos anos no movemento veciñal, traballando dende a Asociación de Veciños do seu barrio, dende a Federación Eduardo Chao, e ó fronte da Vocalía da Muller de San Andrés de Comesaña dende a súa creación ata agora. Fala polo tanto con coñecemento de causa. Traballou, e traballa, polas mulleres de Vigo, e afirma que o seguira a facer mentres sexa necesario reivindicar algún dereito na rúa. Maruchi ten claro, como a maioría das mulleres das Vocalías, as mulleres do movemento veciñal, que son elas as que sofren en maior medida os problemas da vida cotiá, as carencias dos barrios, das parroquias, e as que teñen que buscar solucións a todas esas cuestións, e iso é precisamente o que foi para ela a Vocalía da Muller, unha solución, un camiño. Un camiño que para Maruchi, como para as demais mulleres de Comesaña, e para outras moitas doutros barrios de Vigo non foi especialmente doado.

Dicir que a formación de todas e cada unha das trinta e dúas Vocalías da Muller existentes na actualidade noutras tantas Asociación Veciñais estivo chea de atrancos e pexas enormes podería non ser certo, pero tal e como reza a frase de Iraida Montejo que abre este capitulo: “En ningunha das asociacións foi fácil crear a vocalía da muller”. E a maior das dificultades coa que as mulleres das Vocalías tivéronse que enfrontar en moitos casos foi a reacción de moitos dos homes que durante vinte anos dominaron as Asociacións como terreo propio e que non sempre mostráronse moi de acordo coa creación das Vocalías da Muller.

“Dábannos de comer aparte”. Deste xeito tan gráfico describe Begoña González esa reacción dos homes de moitas Asociacións Veciñais perante as primeiras xuntanzas da Federación coas mulleres de cada barrio có fin de crear as respectivas Vocalías da Muller. E ese foi mais ou menos o que Maruchi e a súas compañeiras de Vocalía da Muller de San Andrés de Comesaña atopáronse nos derradeiros días do ano 92.

O grupo de mulleres que decidiu naquel intre na parroquia de Comesaña crear “un espacio propio para as mulleres do barrio”, din Maruchi, non encontrou demasiadas facilidades para isto, nin entre as persoas que formaban entón as directivas dos diferentes colectivos do barrio, nin tampouco entre moitos dos seus veciños. Hoxe, Maruchi e as súas compañeiras lembran, e sorrín ó facelo, o que era ir cada día ó local da Cultural Nautilus e o que significaba ter que pasar pola cafetería do centro, entón chea de homes, para chegar o despacho da Vocalía. “Ó principio iamos con medo”, din Rosa, “sempre había algún que miraba por enriba e sen embargo, hoxe en día tratase de algo natural”

O 29 do mes de Novembro do ano 93, na sede da Asociación Outeiro de San Andrés de Comesaña, firmase o acordo de integración da Vocalía da Muller na devandita asociación. Sofia Martínez Cameselle, Elena Álvarez Alonso y María del Carmen Fernández López, son as asinantes do acordo por parte da nacente Vocalía, un acordo escrito no que queda ben claro, que o peso e a organización da Vocalía é responsabilidade exclusiva das mulleres. O receo dos homes palpase no texto do acordo. Xa antes, en Decembro do ano 92, a constitución da Vocalía estivo “a piques de provoca-la división no seo da parroquia de San Andrés de Comesaña”; ese é o xeito como o recollen os xornais da cidade. Unha boa parte dos veciños tiña a idea de que unha Vocalía dedicada a muller era algo que quedaba fora dos fines propios da Asociación de Veciños, fines principalmente folclóricos e musicais principalmente, e que polo tanto, a inclusión de intereses distintos a eses podía supor “ó incorrer en intervencionismos que no eran da súa competencia”. Xunto á propia Asociación de Veciños, a Sociedade de Montes e maila Cultural Nautilus firman unha nota publica na que se chama a reflexión dos veciños e do propio Goberno municipal “para que valoren a situación que vaise crear”.

Pero a historia continua adiante e pouco tempo despois destes desacordos firmase o devandito convenio entre a Vocalía da Muller de San Andrés de Comesaña e a Sociedade Cultural Nautilus respecto ó uso dun local para o desenvolvemento das actividades da Vocalía; algo ó que a propia Cultural Nautilus negarase semanas atrás, razón pola cal a Vocalía de Muller tivera que recorrer a un grupo de baile tradicional do barrio, Ventos de Comesaña, que cedeu gratuitamente o uso do seu local á Vocalía.

Maruchi cree que o caso de Comesaña foi sen dubida un dos mais extremos de todo Vigo, e dende logo así debe ser si temos en conta que a “tensión” que xurdiu na parroquia co gallo da creación da Vocalía da Muller aparece, como vimos, recollida nos medios de comunicación da época, que falan varias veces da cuestión explicando a toma de posicións dos veciños.

Maruchi ten unha visión positiva da situación actual. Na súa Asociación, as mulleres traballan hoxe conxuntamente e sen diferencias cos homes. “Os homes valoran o teu traballo”. Lembra cando non era así, sabe que aínda quedan moitas cousas por facer e ten claro que por moitos que sexan os problemas e desgustos sempre paga a pena.

Non sempre foi coma en San Andrés de Comesaña, ou coma en Sárdoma, onde a chegada das mulleres á directiva da Asociación supuxo que a penas ningún home quixera traballar con elas. Isto produciuse a pesar de que foran algúns dos vintedous homes da directiva os que tiveran a iniciativa de promove-la creación dunha Vocalía de Muller no barrio. Non resultou doado atopar mulleres en Sárdoma que estiveran dispostas a facerse cargo da tarefa de poñer en pe a vocalía. Tras facerlle sen éxito a proposta a varias mulleres do barrio, finalmente dúas de elas convértense nas primeiras representantes da Vocalía da Muller. Alá polo verán de ese mesmo ano 91, María Victoria Conde Davila e Margarita Benavides Costas comezan a traballar axudadas por un grupo de mulleres voluntarias que si, por unha banda, querían desenvolver un traballo no ámbito veciñal, por outra, como era común naquel intre, poñían reparos á hora formar parte das directivas das Asociacións e ter que traballar xunto ós homes que monopolizaban os órganos de dirección e representación do movemento veciñal.

A primeira Vocalía da Muller de Sárdoma durou pouco máis duns meses. Razóns laborais fixeron que as dúas mulleres que organizaran esa primeira Vocalía tiveran que marchar, así que en Novembro do mesmo ano, María Celia Quiñones convertese na responsable da Vocalía de Muller de Sárdoma, e xunto a ela están Conchita Davila, María Elena Lago, Clara Lago Riveiro, Carmen Martínez, Carmen Movilla e Inocencia Puime Domínguez, e de novo, a estes nomes deberiamos engadir outro grupo de mulleres que non desexaban formar parte da Vocalía de maneira expresa. Con todo, o cambio e notable, sorprendente. En pouco máis de tres meses, no espacio de tempo que vai do verán ó mes de Novembro, de dúas mulleres na Vocalía, e de que ningunha máis quixera formar parte da mesma, pasan a ser sete mulleres totalmente integradas na estructura da organización veciñal. Estamos a finais do ano 91, o goberno municipal acaba de cambiar, PSOE, BNG e EG xuntan as súas forzas para nomear alcalde a Carlos Príncipe; Ana Gandón é Concelleira de Muller e está a piques de dirixirse, como xa dixemos, as asociacións veciñais e a Federación de Veciños Eduardo Chao, para saber si existen Vocalías de Muller. En Sárdoma si existía, e en tan só uns poucos meses lograran pasar de dous a sete mulleres, con nome e apelidos, traballando a prol do barrio.

Dous anos despois, no 93 en Sárdoma hai un cambio na directiva e a Asociación Veciñal “O Carballo” pasa a ser unha das poucas que conta cunha muller como Presidenta, xa que este posto e ocupado por Begoña González, unha das mulleres claves na formación da Vocalía de Muller da Federación, e que como vimos con anterioridade xa coñecía o que eran as respostas adversas dos homes en cada xuntanza organizada nas Asociacións Veciñais para explicarlles as mulleres das parroquias a necesidade de crear a súa Vocalía de Muller. Na Asociación de Sárdoma, Begoña González forma unha directiva practicamente composta por mulleres porque a maioría dos homes do barrio non queren traballar a carón das súas novas compañeiras de asociación.

Noutras Asociacións foi mais doado. Teis, Navia, Castrelos, San Miguel de Oia ou Lavadores, onde a chegada das mulleres supuxo incluso unha importante axuda para o desenrolo de todo o traballo veciñal, son un bo exemplo.

En Lavadores tamén recibiron unha comunicación do Concello a finais do ano 91; unha comunicación na que se lles preguntaba sobre a situación da Vocalía da Muller na devandita asociación veciñal. Tamén como noutros casos, en Lavadores xa había mulleres traballando no movemento veciñal antes de esta data de finais do 91, de feito, Carmen Avendaño era unha das dúas mulleres que fora presidenta dunha asociación de veciños, Lavadores, antes dos anos noventa. Tamén antes desa data contaban xa con cursos de diversas materias organizados pola propia asociación, algúns deles dedicados a mulleres adultas; corte e confección, palillos, ximnasia feminina, e outros, nas que as asistentes eran nenas e rapazas novas; ballet, baile galego, gaita, guitarra, xadrez, ou informática.

A Vocalía da Muller de Lavadores constitúese de xeito definitivo nos primeiros meses do 92 e rapidamente solicita a axuda da Concellería de Muller do Concello de Vigo có fin de poñer en marcha as súas propias actividades. E comezan cun curso de manualidades rusas e outro sobre a historia de Vigo que incluía varias saídas culturais, como o Museo de Castrelos, as igrexas románicas doas arredores da cidade, Oia, Tui.... Todo isto contando, no só con apoio dos homes da Asociación, senón converténdose as mulleres nun apoio básico para as actividades desenvoltas no barrio. Desta Asociación e da súa Vocalía había de saír Rosa Fontaiña, a que sería despois a muller que durante mais tempo ocuparía o posto de responsable da Vocalía da Muller da Federación “Eduardo Chao”.