MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

2.1 Mulleres: suxeitos fronte aos medios de comunicación

Boa parte dos contados dos programas televisivos, e da publicidade, presentan un modelo de persoas alleas á realidade. Un factor que contribúe á difusión dunha imaxe estereotipada das mulleres a través dos medios de comunicación é a minoría na que se atopa o colectivo de mulleres profesionais da información nos espazos decisorios .

O modelo de muller que acostuma a presentarse apoiase sobre todo no seu aspecto físico e tamén a súa pasividade. Fronte a esta imaxe de muller como tal, está o prototipo de home que tódolos medios destacan: independente, forte, respéctase o seu traballo e ten unha boa posición económica. Cando a muller adopta algunha das actitudes consideradas estereotipadas como propias do home, se lle considera masculina e se é o home quen asume aspectos tipificados como femininos, considéraselle afeminado. Xunto a estes vellos mitos sobre as mulleres, vanse engadindo novos prexuízos e estereotipos integrados na sociedade de consumo na que vivimos. Organismos internacionais encargados de promover políticas de igualdade entre homes e mulleres, coinciden en recomendar directrices e protocolos de actuación aos medios de comunicación que eviten os encadramentos que fan difícil a visualización da diversificación de roles, ademais de solicitar que reflictan a imaxe real das mulleres no mundo, como consecuencia da súa actividade e da súa formación a tódolos niveis.

A pesares da existencia destes códigos de actuación consensuados globalmente, continúa prevalecendo unha representación e imaxe negativas das mulleres, que pode estar vinculada á falta de utilización dos códigos éticos para os medios e, nalgúns casos, á inexistencia de tales códigos.

Entre os obstáculos fundamentais encontrados destacan:

• A proxección continua de imaxes degradantes da muller, de estereotipos de xénero e de programación violenta e pornográfica teñen un impacto negativo e inhiben a plena participación das mulleres na sociedade. As políticas de comunicación contra as imaxes sexistas e estereotipadas das mulleres continúan sendo insuficientes. Hai unha grande confusión entre liberdade sexual, moralidade, pornografía e violencia sexual: hai que saber recoñecer a esta como unha violación dos dereitos humanos das mulleres e non confundila con supostos dereitos. Xa se deron algúns esforzos por establecer ou manter mecanismos de autorregulación do contido dos medios, pero hai unha clara falta de sancións efectivas cando se violan as regulacións existentes.

• Como as temáticas de xénero non son consideradas importantes ou factibles de producir ingresos, moitas mulleres atopan dificultades para entrar nos medios de comunicación. Continúan sendo limitadas as oportunidades que teñen as mulleres de obter emprego e acceso a postos directivos na industria dos medios. Non hai suficientes mulleres nos medios que conseguiran posicións executivas na programación.

• A participación das mulleres nos procesos de comunicación está relacionada en grande medida coa súa posición de xénero. Algunhas áreas importantes do xornalismo son consideradas, aínda hoxe, como de dominio masculino e os prexuízos de xénero impiden que as mulleres que traballan nos medios participen plenamente na conformación do contido dos mesmos.

•Polo de agora as escolas de xornalismo que incorporaron as temáticas de xénero nos seus plans de estudio non son maioritarias. As e os profesionais do xornalismo que intentan introducir unha perspectiva de xénero nos seus traballos atopan moitas veces a resistencia como resposta ou son tomados a broma polos seus colegas ou xefes. As mulleres comunicadoras sinalan que a discriminación e o acoso sexual están entre os principais obstáculos ó seu progreso profesional. Tamén é extremadamente difícil abrir un debate público sobre temas como comunicación e democracia, códigos de ética ou responsabilidade social dos medios, cando os directivos e tamén algún xornalista néganse a recoñecer a súa responsabilidade, e moi poucos están dispostos a tratar estes temas publicamente.

As mulleres continúan tendo un acceso e unha participación limitados na toma de decisións dos centros difusores de información, nos entes que supervisan a formulación e implantación das políticas de comunicación dos medios e na propia industria influínte. E para amosar un exemplo desta realidade palpable na seguinte sección efectuarase un percorrido pola experiencia Monitoreo 2005, un dos últimos informes internacionais de recoñecido prestixio sobre dita temática que permitirá dotar dun marco conceptual e metodolóxico o presente estudio.