MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACI?N A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

2.2.1 “Monitoreo” para España

Elvira Altés é a Coordinadora do Proyecto Global del Monitoreo de Medios para el Estado español. No seguimento de 2005 a Associació de Dones Periodistes de Catalunya liderou o estudo no estado español, e contou ca colaboración das súas asociadas e co apoio de La Red de Periodistas Europeas. Estamos a falar dunha ducia de persoas que coordinaron e analizaron 4 informativos de televisión, 4 de radio e 7 periódicos .

Este estudo non só desvelou cáles eran as porcentaxes de homes e mulleres, senón que ademais amosou o tipo de identificacións e baixo qué temas ou en qué funcións aparecen uns e outros (e obviamente unhas e outras). A análise tamén ofrece datos sobre as e os xornalistas, apuntando unha maior igualade na profesión, tanto na presentación de informativos, como entre quen asina as noticias.

Elvira Altés (2006) tamén adiantou, como veremos a continuación, que os resultados obtidos para España non son diferentes ós que se recolleron para os 75 países restantes.

En dez anos, dende 1995 ate 2005, e dispoñendo de tres cortes de estudio sincrónico, constátase que na última década a presenza feminina nos espazos informativos pasou do 17% ao 21%. Estes catro puntos en dez anos son un incremento moi inferior aos niveis de participación real das mulleres nos diferentes ámbitos públicos, dende o laboral, profesional, empresarial, e incluso inferior ao rexistrado na política ou na ciencia.

Nos resultados que se obtiveron do exercicio de seguimento dos medios para o conxunto de España a presenza acada un 22%, un resultado que debe ser interpretado como unha regresión se compara ca presenza activa feminina, 41,50%.

Este é un dato que tamén resulta bastante esclarecedor respecto á disimetría que se produce entre a presenza das mulleres no ámbito público e a representación do colectivo feminino nos medios. En 1998 a presenza das mulleres no ámbito público estimábase nun 29%, mentres que a representación nos medios era do 18%. Os medios escatimaban un 11 de presenza real. Na actualidade, a actividade das mulleres aumentou en 12 puntos dende 1998 mentres que o seu reflexo nos medios aumentou só en 4 puntos e atópase arredor dun 22%. Se no 1998 existía unha diferenza de 11 puntos, cos datos que se acadaron para 2005, o porcentaxe sitúase en 19 puntos.

Estes porcentaxes non só poñen en evidencia a disparidade respecto á presenza masculina nos medios, senón que sinalan unha clara regresión respecto á participación das mulleres na sociedade.

A experiencia de Monitoreo 2005 para o caso español arroxou un total de 218 noticias analizadas, nelas aparecen 705 persoas, das cales 552 son homes e 153 mulleres. Isto significa que só 2 de cada 10 persoas que aparecen nas noticias son mulleres. Os datos permiten facer un desglose máis polo miúdo: nos medios de televisión aparecen un 23% de mulleres, na prensa un 22%, e algo que resulta máis preocupante, nos informativos radiofónicos a voz de muller é so dun 12% (o que significa que o 88% restante dos protagonistas ou fontes son homes).