MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

1.3 Metodoloxía do estudo

Para iniciar este proxecto tomarase como referencia indirecta, ou punto de partida, estudos como Proyecto de Monitoreo Global de medios (2005) ou a First ever Three Weeks of Global Action on Gender and the Media (2006), adaptando as premisas e hipóteses iniciais ás peculiaridades do caso galego e á financiación acadada. A continuación detallámo-las fases consecutivas de realización:

Na primeira fase revisarase a literatura existente e os casos estudados encol da temática “mulleres e medios de comunicación”, co gallo de constata-la importancia deste tipo de estudos e conecta-los cas particularidades que caracterizan a sociedade galega. Na pescuda de documentación darase prioridade (1) ós estudos internacionais, (2) ás experiencias coordinadas a traveso dos recursos da rede, (3) ós estudos onde a perspectiva de xénero sexa adoptada explicitamente polos autores, e (4) as bases de datos dispoñibles.

Na segunda fase analizarase a audiencia dos medios de comunicación en Galicia para coñece-los patróns de consumo do público feminino. O obxectivo é analiza-las razóns tanto estruturais como conxunturais que fan do público feminino un grupo de grande interese dentro do sector da comunicación. Nesta fase preténdese (1) coñece-la posición da muller nos medios (televisión, radio, prensa, revistas, suplementos, internet e cine), e (2) constata-la súa relevancia como público obxectivo dos medios de comunicación e o papel que xoga nas decisións de consumo dos mesmos.

Na terceira fase confeccionarase un exercicio de mostraxe que permita determina-la presenza feminina nos medios. Nesta etapa realizarase un primeiro exercicio sincrónico que permita avanzar na constitución dun mapa da representación de xénero nos medios de comunicación galegos. Pretendemos de este modo obter uns primeiros resultados comparables cos dos estudios que tomaremos como referencia, para así (1) valora-la capacidade explicativa, o interese e a utilidade deste tipo de información para Galicia; (2) ofrecer ás autoridades e institucións competentes indicadores que permitan contar con máis instrumentos para avaliar a relación entre mulleres e comunicación, (3) establecer comparacións con outras latitudes cun grado de desenvolvemento semellante.

A etapa final, cuarta fase, adicarase á redacción do estudo, elaboración de conclusións e recomendacións finais.