MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

3.1 I Xornada Medios de Comunicación e violencia contra as mulleres

O primeiro dos eventos organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas Galegos, I Xornada Medios de Comunicación e Violencia contra as Mulleres, partía dunha fonda concepción inter disciplinar, dado que se lle deu voz tanto a un amplo abanico de profesionais e tamén afectadas pola violencia de xénero. A xuntanza tivo lugar en outubro de 2004 para expor as súas experiencias e pareceres e participar nun debate aberto que resultara o máis prolífero posible .

A xornada contou con dous relatorios sobre o tratamento mediático da violencia contra as mulleres a cargo das expertas en comunicación e xénero Mª Isabel Menéndez Menéndez e Pilar López Díez. E completouse con catro mesas redondas, seguidas de varias sesións de debate entre os participantes nas mesas e o público. As mesas estiveron centradas nos seguintes temas:

1) o tratamento mediático do suceso

2) a ruptura co círculo da violencia, e a conseguinte fase de recuperación

3) a vida despois da violencia

4) o papel dos medios de comunicación no tratamento da violencia contra as mulleres.

Cada participante achegou, por unha banda, a súa experiencia como profesionais e expertas en relación coa violencia contra as mulleres e, por outra, a súa valoración do tratamento mediático desta realidade. Expertos dende distintos ámbitos profesionais, valoraron a abordaxe dada pola prensa a este problema social e denunciaron algunha das súas principais eivas: información centrada no suceso, falta dunha análise a fondo, ausencia de contextualización deste problema social nas desigualdades de xénero propias da estrutura patriarcal, tratamento morboso e espectacular, non respecto do dereito á intimidade das persoas agredidas e incidencia na vitimización das mulleres agredidas, entre outros factores. Incidiuse na necesidade de subliñar outros aspectos como a educación en valores de igualdade e a prevención, e mesmo se fixo referencia ao efecto contaxio que pode resultar dun tipo de informacións centradas exclusivamente no suceso en si, perniciosas en canto que poden contribuír a reforzar ao agresor. Para evitar ese efecto reforzo, así como a sensación de impunidade, considerouse axeitado un cambio nos focos de interese dos medios: no canto de incidir exclusivamente no episodio de violencia extrema, facer un seguimento do proceso e sacar á luz tamén aquelas informacións que teñan que ver co posterior castigo ao agresor.

Ao final das xornadas aprobouse a Declaración de Compostela, un conxunto de recomendacións para o correcto tratamento informativo da violencia contra as mulleres, o primeiro documento elaborado dende Galicia neste senso. Recoñecía a Declaración a importancia dos medios de comunicación como subministradores dunha información veraz, pero tamén como transmisores de valores relacionados coa igualdade e a loita contra a discriminación. Admitíase por tanto que malia terse visualizado ao fin no discurso mediático a violencia contra as mulleres , que historicamente fora oculta tralas portas dos fogares ante a impasibilidade social e política, o traballo diario dos medios de comunicación estaba pexado por unha serie de eivas que era preciso evitar

O texto aprobado polos presentes na Declaración de Compostela foi o seguinte:

1. A violencia de xénero baséase nun modelo patriarcal de sociedade no que o rol feminino atópase supeditado ao masculino.

2. Este tipo de violencia non só se manifesta nos malos tratos dentro do ámbito doméstico, senón tamén nos abusos e agresións sexuais, no acoso laboral, na prostitución, e na violencia específica e singular contra as nenas.

3. Medios e xornalistas enfocarán estas agresións como unha violación dos dereitos humanos, e como un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas.

4. Ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade. Medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta.

5. Medios e xornalistas afrontarán informativamente estes casos como un problema social, e tentarán enmarcalos sempre na problemática xeral da violencia contra as mulleres. En consecuencia, non se tratarán como casos illados da crónica negra, obviando o seu emprazamento nas páxinas ou bloques informativos destinados aos sucesos.

6. Evitar o sensacionalismo, o morbo e o dramatismo -tanto no tratamento do texto como das imaxes-, o que obriga aos medios audiovisuais a coidar non só a recollida de imaxes e son, senón tamén a súa edición e difusión, desbotando os recursos propios dos “reality shows”, dos programas de sucesos ou das series de ficción.

7. Respectar o dereito á intimidade e a dignidade das persoas agredidas, especialmente cando se trate de menores de idade, garantindo o seu anonimato, polo que medios e xornalistas absteranse de difundir datos ou imaxes que as poidan identificar sen antes obter o seu consentimento, respectando en todo caso o seu dereito a non facilitar a información que se lles demande.

8. Para abordar estes casos de violencia coa sensibilidade e o rigor profesional que esixen as vítimas e demandan os sectores máis concienciados da sociedade, faise necesario un tratamento especializado dos mesmos, afondando nas súas causas e nas súas consecuencias, o que comporta afrontalos con perspectiva inter disciplinar (social, económica, política, cultural…).

9. Coidar a relación coas fontes, que han ser diversas e plurais, sen cinguirse exclusivamente por iso ás oficiais, tendo en conta sempre aquelas fontes expertas que contribúan a contextualizar informativamente non só o suceso en si, senón tamén os procesos aos que se terá que enfrontar con posterioridade a vítima (acollida e asistencia, tribunais, situación laboral, vivenda…), desbotando os testemuños de fontes espontáneas cando non acheguen datos relevantes para a información.

10. Facilitar información útil e de servizo ás mulleres afectadas, explicándolles os recursos dos que dispoñen – casas de acollida, asesoramento psicolóxico, trámites xudiciais, axudas da administración...- para afrontaren a súa situación con garantías e así conseguir superala.

11. Medios e xornalistas evitarán os estereotipos, prexuízos e tópicos ligados á violencia contra as mulleres:

os malos tratos non son froito dun “feito pasional”, son un delito.

os malos tratos son un feito transversal a todos os estratos sociais; non se producen exclusivamente entre as clases marxinais.

a vítima nunca é responsábel do feito violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que a culpabilice.

o agresor é o único responsábel do acto violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que o xustifique, como sucede sempre que se bota man doutras circunstancias persoais (alcoholismo, ciumes…) alleas ao feito en si, desbotando en consecuencia todo aquilo que puidese asegurarlle a impunidade.

a linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres, polo que é imperativo desbotala dos relatos xornalísticos.

O texto foi asinado por un total de 77 persoas pertencentes a distintos colectivos e entidades sociais, a medios de comunicación, ou ben a título individual .

Meses despois, o Servizo Galego de Igualdade tamén tentou que os medios de comunicación galegos subscribisen o decálogo para o correcto tratamento informativo da violencia contra as mulleres elaborado pola Administración. A falta dun compromiso real por parte dos mesmos maniféstase no explícito incumprimento dalgún dos compromisos alí subscritos, como o correspondente ao punto 10: Loitar contra a explotación sexual e o tráfico de persoas. Con esta propostas se defende que os medios non presentarán a prostitución e as súas variantes como unha conduta socialmente admisíbel e non emitirán nin publicarán publicidade vexatoria para as mulleres, incluídos os anuncios sobre actividades relacionadas coa explotación sexual das persoas.

Pola contra, as páxinas de anuncios por palabras, onde están os anuncios de prostitución, son unha boa mostra deste incumprimento. Tanto a iniciativa do Observatorio Galeo de Medios como a do Servizo Galego de Igualdade puxeron de manifesto que, se ben existen cada vez máis profesionais dos medios concienciados coa eliminación das discriminacións en función do xénero, falta por parte dos cargos directivos un compromiso real.