MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

2 CONTEXTUALIZACIÓN: MULLERES E MEDIOS DE COMUNICACIÓN

A influencia dos medios de comunicación é un fenómeno social que no século XXI alcanza unha particular relevancia de cara á consecución da igualdade de xénero. Resulta irrefutable que os medios de comunicación de masas nunha sociedade moderna son un elemento fundamental na formación da opinión . Desgraciadamente, a influencia dos mesmos non sempre é positiva no proceso de consecución da igualdade de oportunidades para as mulleres. Os medios de comunicación axudan á consolidación de grandes avances, a través da súa posibilidade de crear opinión, pero noutras ocasións inciden negativamente neste proceso, ó se converter en nexos entre o público consumidor e os obxectivos comerciais, para os que unha imaxe estereotipada das mulleres supón un estímulo e incentivo comercial nesta sociedade de consumo.

Os medios de comunicación propoñen pautas de comportamento a través da utilización de modelos de xénero, que son tomados como referentes por toda a sociedade. Contribúen así a crear unha visión da realidade tal, que os sitúa actualmente como un dos principais axentes socializadores do individuo.

A capacidade de influencia dos medios de comunicación é notoria e aínda que cada vez hai máis profesionais implicados en amosar situacións de avance con respecto á igualdade de xénero, diariamente a persistencia dunha falla de reflexión sobre esta influencia e o seu alcance no que se refire á igualdade entre homes e mulleres na nosa sociedade é obvia. Carécese dun discurso sobre os efectos das mensaxes transmitidas, e continúanse mantendo unha imaxe das mulleres estereotipada, que non reflicte os cambios profundos conseguidos nas últimas décadas. Algúns medios persisten aínda en transmitir vellos valores, proxectando en ocasións unha imaxe vexatoria e denigrante das mulleres.

Cando erroneamente os medios de comunicación identifican ás mulleres como únicas responsables no ámbito doméstico e familiar e aos homes no espazo público e profesional, estase a utilizar un tópico desfasado que indirectamente incide na profunda discriminación que existiu desde sempre na sociedade. Os estereotipos de xénero encaixonan a unhas e outros, esixíndonos responder a modelos que son unha barreira no avance na igualdade fáctica de homes e mulleres.

Segundo recoller o estudo As mulleres nos medios de comunicación (Xunta de Galicia-SGI, 2004) na actualidade os medios de comunicación establecen un modelo mediante os procesos seguintes:

1. Creación dun sistema de valores nos que uns suxeitos son clasificados como “inferiores e subordinados”.

2. A estes valores corresponden uns códigos de conduta cos que se trata de adaptar aos suxeitos a eses valores.

3. A aparición de símbolos significa que estes valores son interiorizados sen reflexión. O símbolo denota que os valores se estandarizaron no grupo social.

4. Consecuentemente con iso, aparecen os prexuízos, que non son senón a transmisión de valores, códigos e símbolos adaptados polo grupo dominante como forma de control sobre o grupo dominado.

5. Todo o anterior acabará xerando unha mentalidade coa que se somete aos individuos clasificados en forma negativa.

Considerando a posición privilexiada dos medios de comunicación na creación de cultura, resulta difícil que esta prescinda dos estereotipos que nutren as ideoloxías dominantes cando se reproducen con certa frecuencia desde o ámbito informativo. Progresivamente, e agora apoiadas pola nova Lei de Igualdade, as mulleres están introducíndose no mundo da política, da educación, da cultura, da economía, no mundo profesional, con avances sorprendentes.

Nos medios, estes pasos percíbanse e transmítense máis lentamente do que ocorren na realidade. Unha importante cantidade de contidos vertidos en noticias e programas dirixidos ao colectivo feminino apóianse en concepcións de xénero moi lonxe da realidade. Danse noticias e dedícanse programas ao colectivo feminino centrando as informacións en temas frívolos e banais relacionados coa moda, a beleza e os chamados temas do corazón. As mensaxes envíanse voluntariamente a un público identificado, de maneira descualificadora e irónica, como composto fundamentalmente por mulleres dedicadas ás tarefas de esposas, nais e amas de casa.