MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACI?N A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

RESUMO

Este proxecto de investigación analiza o papel que desempeñan as mulleres nos medios de comunicación de Galicia dende a óptica da súa relación cos mesmos (presenza, función e protagonismo). O obxectivo principal que nos plantexamos é obter unha primeira aproximación a un conxunto de indicadores que nos permitirán achegarnos á análise da relación entre as mulleres e os medios de comunicación galegos máis relevantes. Partindo da análise de experiencias nacionais e internacionais relevantes presentamos unha metodoloxía adaptada á realidade de Galicia que permita, a través da análise de caso, chegar a conclusións pertinentes, útiles para difundi-lo coñecemento e fomenta-la vertebración da sociedade galega.

1 INTRODUCCIÓN

1.1 Contexto e precedentes

Os medios de comunicación convertéronse nun instrumento educativo de primeira orde, capaz de proporen modelos de comportamento e de influír nos procesos de identificación dos individuos. Precisamente é o sesgo da capacidade socializadora a que preocupa, cando as dificultades para consegui-lo respeto e a igualdade para as mulleres aínda quedan lonxe, tal e como o demostra o crecente número de casos de violencia ou a discriminación que sofre o colectivo feminino en distintos ámbitos, como o laboral ou o académico, entre outros moitos.

Coñece-la relación e a representación que fan os medios de comunicación dos individuos segundo o seu sexo, e observar cál ten sido o avance que se produciu na derradeira década permitirá valorar si se levou adiante por parte dos profesionais e das canles de difusión informativas un tratamento máis equitativo das mulleres, máis acorde ca realidade vixente, no convencemento de que está no ánimo de todos avanzar cara unha sociedade máis libre, plural e democrática.

Para efectuala análise da relación que existe entre o colectivo feminino e os medios de comunicación tomarase como referencia o Informe de la discusión en línea sobre mujer y medios de comunicación (Sección da plataforma de acción de Beijing- 8 de novembro ó 17 de decembro de 1999): resulta innegable o incremento dos espazos dirixidos e protagonizados por mulleres ou exclusivamente para mulleres, que vai medrando á par que a capacidade de consumo e presenza de donas nos diferentes foros da sociedade. Particularmente as dadas de Global Media Monitoring Project amosan que dende 1991 ata 2005 a presenza feminina pasou dun 17% a un 21%, cifra que, malia o avance, non reflexa a presenza e actividades reais femininas na sociedade.

O cambio máis relevante nas canles comunicativas nestes últimos años foi a aparición e difusión do emprego de internet, como un espazo onde as mulleres no só poden ter acceso á información, senón tamén producir e difundi-los seus propios contidos e traballar na rede . O desenvolvemento das TIC e a popularización creou, asemade, campos de comunicación onde a construción da linguaxe diferenciada segundo o xénero medrou . Malia todo, dende o punto de vista cualitativo, son numerosas a voces que advirten da persistencia de limitacións e barreiras no tratamento das mulleres como suxeito de toma de decisións, denunciando que a presenza feminina continúa reproducindo estereotipos decorativos. Dende o Proyecto de Monitoreo Global de los Medios 2005 , onde a participación española estivo coordinada pola Associació de Dones Periodistes de Catalunya - contando ca colaboración da Red española de periodistas europeas-, constatouse que as mulleres están presentes na información nunha porcentaxe máis minguada que a súa presenza activa na sociedade .

A título ilustrativo para o caso español sinalamos que as mencións femininas e a súa presenza nas noticias alcanzaban no 2005 só un 22% na prensa. Como é lóxico ós homes correspóndelles o 78%, respectivamente. Unha terceira parte das noticias dirixidas por e para donas son aquelas onde aparecen en calidade de famosas, centradas principalmente no eido da moda e do ocio, da arte e da cultura; outro terzo está representado pola face máis escura da información: violencia, desastres e accidentes. A parte restante é protagonizada por aquelas participacións referidas a saúde, consumo, pobreza, educación, desenvolvemento e relacións familiares, temas no que a presenza feminina obtén menos dun 10% do total.

Segundo o devandito estudo, en ningún caso ou circunstancia se reclama a opinión dunha muller para exemplifica-la opinión maioritaria da cidadanía. Por outra parte, o colectivo de mulleres continúa a representar o coitado papel da vítima. A identificación feminina séguese a realizar a traveso da súa posición familiar, ou relación persoal (nun 14% das mencións), mentres que cando se fala dun varón esta identificación polo seu rol familiar só ten lugar nun 3% dos casos. Outra das conclusións inquietantes é que nas canles escritas non aparece de forma explícita un xeito de falar dende a perspectiva de xénero, nin se atopan suficientemente interesantes as historias que protagonizan as mulleres

Na sociedades galega tamén se ten rexistrado unha crecente sensibilidade encol das cuestións relacionadas con xénero, como amosa a experiencia Foro Internacional sobre Medios de Comunicación e Género impulsado polo Observatorio Galego dos Medios (2006). Aínda que polo de agora non se produciron iniciativas coma as antes mencionadas dende o eido institucional, ou subvencionadas polos propios organismos públicos , de aí que consideremos que nosa proposta é pertinente.