MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

3.4 Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero

Esta actividade, un encontro virtual internacional celebrado entre o 9 de outubro e o 24 de novembro de 2006 (cunha sesión presencial o 25 de novembro en Pontevedra) logrou unha ampla repercusión nos medios. O emprego das TIC sen dúbida está a descubrir unha canle de infindas posibilidades por explotar para facer chegar a mensaxe de igualitarismo. O uso das novas tecnoloxías permitiu nesta ocasión, a traveso da rede, constituír un novo espazo de encontro, debate e reflexión.

Nesta experiencia recibíronse un total de 45 ponencias, que foron editadas en un CD. De maneira sinóptica recollemos a continuación as áreas temáticas que estiveron presentes nas xornadas de traballo :

Comunicación e estudos de xénero, feministas ou das mulleres: teorías, métodos, estado da cuestión.

O xénero nos medios de comunicación: fase de produción, contidos e audiencias.

As representacións da feminidade, masculinidade e sexualidade nos medios, nos campos da información, da ficción, do entretemento ou publicitario.

As representacións da violencia contra as mulleres nos medios de comunicación.

As relacións de xénero e a perspectiva de xénero no ámbito profesional dos medios: o xénero na estrutura empresarial, directiva e redaccional; a situación profesional das mulleres xornalistas; a relación entre o ámbito profesional e os contidos; o movemento asociativo das mulleres profesionais da comunicación; a aplicación da perspectiva de xénero nas redaccións etc.

Movemento asociativo, redes de mulleres e comunicación: iniciativas comunicativas dende o movemento feminista e organizado de mulleres; as relacións das redes asociativas cos medios de comunicación; o seu acceso á axenda dos medios; as representacións do feminismo e o movemento organizado de mulleres nos medios…

O xénero na confluencia das discriminacións (racial, económica, orientación sexual, discapacidade…). Unha visión dende a comunicación.

Xénero, medios e desenvolvemento. Os medios de comunicación como arma de empoderamento para as mulleres.

O sexismo na linguaxe dos medios.

Xénero e tecnoloxías da información e da comunicación.

A pluralidade profesional das participantes deixou explícito o labor que dende esta actividade se desenvolveu para establecer canles de diálogo, debate e cooperación, entre medios, mundo académico e o movemento asociativo. Todo co obxectivo de dar a coñecer á sociedade as principais conclusións da análise dos medios dende a perspectiva de xénero.

As conclusións tiradas da participación no evento estiveron centradas en tres ámbitos, que representan as cuestións tratadas por cada un dos sectores participantes: o académico, o profesional e o asociativo .

a) Ámbito académico

Malia a feminización da profesión nos últimos tempos, seguen en pé as desigualdades entre mulleres e homes no eido laboral. As xornalistas sofren discriminación tanto vertical como horizontal no ámbito laboral. A discriminación vertical refírese ás maiores dificultades que teñen as mulleres fronte aos homes para o seu ascenso na profesión. A discriminación horizontal emana das distintas condicións laborais de mulleres e homes xornalistas en sectores e postos equivalentes. ademais hai que falar doutro tipo de discriminacións, como acontece ca atribución daqueles contidos de maior impacto público aos profesionais homes ou a discriminación daquelas mulleres cuxos rasgos estéticos non coinciden co canon de beleza estabelecido en determinados ámbitos como a televisión.

As elites das empresas mediáticas, así como os postos de responsabilidade nestas mesmas empresas, están maioritariamente ocupados por homes. Mesmo naquelas mulleres que conseguen ascender se observa, en ocasións, a asunción dun modelo de poder e autoridade masculino. É preciso, porén, a incardinación da perspectiva de xénero non só nos postos de redacción senón tamén nos cargos de responsabilidade e decisión.

A estrutura xerárquica dos medios, e as dificultades de conciliación da vida profesional e familiar, son dous dos principais obstáculos para o exercicio e ascenso na profesión xornalística por parte das mulleres. En relación co segundo factor, a pesar de que xa na Conferencia de Beijing se marca a conciliación entre a vida laboral e familiar como un obxectivo concreto e malia a que esta cuestión é incorporada á lexislación española na lei 39/1999, a consecución da harmonización entre o traballo e a familia está lonxe de conseguirse no ámbito xornalístico .

Análise da representación das mulleres nos medios de comunicación

Os medios de comunicación, a pesares dos avances, continúan facendo invisibles ás mulleres e non reflicten o seu protagonismo real no ámbito público. Os medios asumen unha función regresiva en relación coa representación que das mulleres fan nas súas páxinas, en canto que non son quen de visualizalas na xusta medida marcada polo papel que hoxe en día ocupan na sociedade.

A cobertura mediática das mulleres políticas é exemplo dese inmobilismo dos medios que os incapacita para representar o cambio social experimentado polas mulleres nas últimas décadas. Malia que os últimos Executivos, tanto autonómico como estatal, son paritarios en número de ministras/os e conselleiras/os, a representación mediática segue sen ser paritaria, nin cuantitativa nin cualitativamente. Os medios de comunicación non aplicaron as políticas de discriminación positiva nos seus contidos que si foron aplicadas no reparto dos postos máis altos dos gobernos autonómico e estatal.

As mulleres son noticia non por aquelas cuestións que están en relación directa cos problemas que lles afectan, senón en función dos intereses impostos polo patriarcado. De aí a importante presenza das mulleres nos contidos da prensa rosa ou da súa representación como obxecto sexual.

Os medios de comunicación seguen a difundir visións estereotipadas de xénero, baseadas nos roles e estereotipos determinados pola sociedade e nos modelos tradicionais nela asentados, modelos que inciden na discriminación cara ás mulleres. As mulleres son pouco abordadas nos medios de comunicación como protagonistas e como fontes, os movementos feministas e organizados de mulleres son invisualizados, a perspectiva de xénero é ignorada e, en estreita relación co anterior, os temas relacionados cos problemas que lles afectan especificamente ás mulleres son pouco tratados, agás aqueles ligados á violencia contra as mulleres no ámbito familiar.

É preciso que os medios de comunicación asuman unha función activa á hora de procurar fontes e voces expertas femininas. Para acadar unha maior visibilidade feminina, tamén sería preciso que os medios de comunicación desestimasen a ollada androcéntrica coa que configuran a relación de protagonistas e espazos noticiosos, dous factores que a mirada dos medios cobren en tanto en canto están ligados ao poder. Unha visión máis plural permitiría visualizar dunha maneira máis xusta ás mulleres, ao igual que a outros grupos sociais. No Foro constatouse cómo o xénero tamén estaba a ser usado como categoría fundamental de análise nun ámbito tan pouco revisado nos estudos estatais sobre comunicación e xénero como é a recepción comunicativa.

En canto á abordaxe mediática da violencia contra as mulleres, no Foro recoñeceuse que, malia que os medios de comunicación contribuíron á visualización deste problema social, sobre todo no relacionado co ámbito doméstico, seguen a existir deficiencias que pexan a calidade da información: a falta dunha abordaxe da violencia contra mulleres, non como relato de casos illados, senón como un problema social baseado nunha gravísima violación dos dereitos humanos; a ausencia da análise das causas –fundamentadas na persistencia de desigualdades e discriminacións de xénero na sociedade patriarcal- e as consecuencias; o mantemento de prexuízos e estereotipos, que mesmo chegan a inculpar ás mulleres e a desculpar aos agresores, e por último, a falta dunha perspectiva interdisciplinar.

Insistiuse nunha evidencia a miúdo esquecida polos medios de comunicación: a violencia contra as mulleres ten carácter estrutural. Polo tanto, é transversal ás distintas sociedades e culturas, estratos sociais e espazos (públicos e privados). É unha violencia baseada nas relacións desiguais entre os xéneros nas que se basea a construción da sociedade patriarcal, que se manifesta tanto no ámbito público como no privado, que se materializa tanto na violencia física como na psicolóxica ou sexual, que se encarna non só no ámbito familiar senón tamén na violencia sexual, a violencia contra as nenas, o acoso sexual e laboral, a violencia simbólica, a violencia cultural, a violencia estrutural, a violencia institucional, etc... Dende a reflexión feminista asentouse que as súas bases están na propia estrutura da sociedade, construída sobre os principios patriarcais. Porén, no Foro suscitouse o debate sobre a posibilidade de ampliar o campo de explicacións construído pola teorización feminista.

Publicidade

A publicidade contribúe a difundir estereotipos do feminino e do masculino baseados na desigualdade e amosa, nas representacións que fai das mulleres, a alianza entre os valores do patriarcado e os intereses de incitación ao consumo propios da sociedade capitalista. A pesar de que a consecución de maiores cotas de liberdade, autonomía e dispoñibilidade de ingresos de seu converte ás mulleres en sectores de interese para a publicidade como suxeitos aos que dirixirse en función dos seus intereses propios, e non simplemente como amas de casa (que foi a visión tradicional presente nos contidos dos anuncios), e malia que as representacións publicitarias tentan incluír nos últimos anos modelos de mulleres máis autónomos, porén os estereotipos tradicionais de xénero seguen a selos dominantes. A publicidade continúa a insistir fundamentalmente na representación das mulleres como obxectos sexuais, nais e persoas preocupadas pola beleza. Difunde, ademais, unha visión da beleza irreal, construída en laboratorio. Estende pois un modelo irreal de beleza feminina, do que as mulleres reais quedan excluídas. Incitan ao consumo avivando o desexo de consecución dese ideal de beleza feminino artificialmente construído.

Novas tecnoloxías

As TIC aceleran os procesos de cambio económico e social mais, porén, non tódalas persoas teñen iguais posibilidades de acceso ás mesmas. Os datos evidencian a fenda dixital de xénero, que asenta nas maiores dificultades que teñen as mulleres para o acceso e uso das novas tecnoloxías en igualdade de condicións cós homes. Esta situación non pode permitirse nun estado de dereito, polo que deben esixirse medidas eficientes dende os poderes públicos, que non se queden en papel mollado. Nalgún dos artigos do Foro denunciouse que moitas das políticas adoptadas respecto á incorporación das mulleres ao ámbito das TIC dende o Estado quedaron no ámbito da formulación programática, sen unha aplicación práctica adecuada que permitise remitir a desigualdade das mulleres no acceso e uso das novas tecnoloxías. É, pois, necesario que dende a Administración pública se adopten medidas ao respecto, sempre dende a perspectiva de xénero. Entre as propostas presentadas no Foro para atallar a fenda dixital de xénero dende as políticas públicas destacan as seguintes: facilitarlles ás mulleres a adquisición de conexión á rede; incorporar o coñecemento das TIC ao ensino primario e secundario, así como ao ensino de adultos e adultas; promover as e-capacidades; fomentar a presenza das mulleres nos sectores de ensino relacionados coas novas tecnoloxías; incrementar a presenza das mulleres nos postos e cargos relacionados coa Sociedade da Información; incluír expertas en igualdade de xénero nos comités científicos e de elaboración e seguimento dos programas de desenvolvemento da Sociedade da Información; fomentar a investigación sobre a presenza das mulleres na sociedade da información e a súa relación coas novas tecnoloxías; crear códigos de boas prácticas para os contidos; impulsar a creación de redes de mulleres e de canles de información; difundir as múltiples aplicacións das novas tecnoloxías na actividade diaria das persoas ou desenvolver fórmulas de traballo que non redunden na precarización laboral.

É de gran relevancia para o empoderamento das mulleres o uso das novas tecnoloxías para a defensa dos intereses propios. No Foro destacouse a importancia do ciberfeminismo, movemento de gran diversidade e de múltiples manifestacións, xurdido a principios dos 90, que usa as novas tecnoloxías como instrumental liberador e ferramenta para o empoderamento das mulleres no mundo. Así mesmo, Internet convértese en fértil substrato para a creación de redes virtuais en prol da defensa dos dereitos das mulleres, da igualdade e da loita polo fin das discriminacións en función de xénero.

b) Ámbito asociativo

As principais cuestións que centraron a preocupación do tecido asociativo inciden nos aspectos que a continuación se detallan. A primeira remite á escasa relación entre as e os xornalistas e o tecido asociativo. Os medios de comunicación apenas acoden ao movemento feminista e organizado de mulleres como fontes autorizadas sobre cuestións relacionadas coa problemática das mulleres. Réstanlle lexitimidade a auténticas fontes expertas, as primeiras ademais en denunciar, visualizar e conceptualizar como problemas sociais ámbitos hoxe cuantitativamente tan abordados pola prensa como a violencia contra as mulleres. Máis aló dos 8 de marzo e o os 25 de novembro, os medios de comunicación apenas acoden ás feministas e ao movemento organizado de mulleres. 1) A consideración dos “temas de mulleres” como cuestións de segunda categoría por parte dos medios de comunicación. Dende o tecido asociativo tamén se analizou o tratamento outorgado ás mulleres nos contidos dos medios de comunicación. Denunciouse o papel ideolóxico dos medios como transmisores da ideoloxía patriarcal, patente no modelo de muller que transmiten. Púxose de manifesto, así mesmo, o escaso relevo do papel xogado polas mulleres na información, vinculado ademais ao seu protagonismo como vítima ou como protagonistas da crónica social e personaxes destacados noutros contidos brandos. Insistiuse, ademais, na necesidade de eliminar o sexismo na linguaxe, e urxiuse que deixase de ser tratada esta demanda como unha preocupación secundaria.

2) A abordaxe realizada por parte dos medios de comunicación da violencia contra as mulleres. A visibilización, tal como se recoñeceu dende o tecido asociativo, é unha estratexia de gran importancia para loitar e rematar coa violencia contra as mulleres. Dende o movemento feminista e organizado de mulleres recoñécese o papel xogado polos medios de comunicación á hora de sacar á luz un problema social que tradicionalmente fora oculto tralas portas do espazo privado. Porén, úrxese dos medios un tratamento máis adecuado da violencia contra as mulleres, que descarte de raíz o morbo e o sensacionalismo como cebo para a captación de público, que elimine os estereotipos patriarcais, que deixe claro quen é o agresor e quen a vítima, que aborde a violencia contra as mulleres como un problema social e non como unha relación de casos illados e que, por último, avogue por un tratamento rigoroso, interdisciplinar e a fondo da información. Así mesmo denunciouse que, malia a aprobación da Declaración de Compostela en 2004, moitos medios seguen a facer caso omiso das súas recomendacións.

3) A necesidade de abordar, dende o ámbito lexislativo, o papel dos medios de comunicación na transmisión de contidos que non incorran na discriminación por razón de xénero. No Foro analizouse o título III do – entón – proxecto de lei de Igualdade, dedicado aos medios de comunicación, no que se obriga aos medios de comunicación públicos a transmitir unha imaxe igualitaria e non estereotipada dos xéneros, se estabelecen os principios e preceptos que os medios privados deben seguir e se impulsa ás Administracións públicas a promover acordos de autorregulación que contribúan ao cumprimento da lexislación en materia de igualdade. Tamén se pediu que na futura lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero se teña en conta a actuación dos medios. Propúxose que na devandita lexislación se esixa dos medios públicos ou que perciban axudas públicas a eliminación de contidos e imaxes que atenten contra o espírito da lei e avogouse polo promoción de acordos e convenios de autorregulación. Porén, tamén se puxeron de manifesto no Foro as dificultades dos poderes públicos para asegurar o cumprimento do estabelecido nas normas, polo que se pediu da cidadanía un papel activo como elementos de presión a prol da eliminación da discriminación de xénero nos contidos.

4) O tratamento dado polos medios de comunicación á prostitución. A abordaxe mediática da prostitución xera múltiples confusións sobre esta problemática e, no fondo, contribúe á concepción da mesma como unha realidade inevitábel. Falta un tratamento máis repousado, que analice causas e consecuencias e denuncie a ligazón da prostitución con violacións dos dereitos humanos tan graves como a trata de persoas ou a violencia contra as mulleres. Tamén se puxo de manifesto a permisividade dos medios con respecto á prostitución, contrastable nas abondosas e explícitas páxinas de contactos nas que se anuncia este negocio na prensa.

c) Ámbito profesional

Refírense de seguido os principais aspectos sobre os que se suscitou a reflexión dende o ámbito profesional:

1) A necesidade de avanzar no longo camiño que aínda queda por percorrer para cumprir cos obxectivos marcados pola IV Conferencia Mundial sobre a Muller : aumentar o acceso e a participación feminina nos medios de comunicación e fomentar unha imaxe máis equilibrada das mulleres e dos homes nos seus contidos.

2) A persistencia de discriminacións na situación laboral e profesional das mulleres xornalistas. Polo mesmo traballo elas son menos retribuídas e, ademais, teñen maiores dificultades para ascender. As experiencias de asociacionismo de mulleres xornalistas expostas no Foro ratifican a importancia que tiveron e seguen a ter na defensa dos dereitos das profesionais da comunicación e na demanda de contados máis equilibrados.

3) O feito de que o incremento de mulleres xornalistas nas redacción nos últimos anos non supuxera de por si cambios cara a unha representación máis equilibrada de mulleres e homes nos contidos. Ser xornalista e muller non ten porque implicar unha maior concienciación e compromiso coa problemática das mulleres nin unha actitude máis favorábel á representación máis equitativa dos xéneros. Para sermos quen de deconstruírmos o androcentrismo e o sexismo dos medios e construír os contidos dende unha óptica nova, é preciso sermos conscientes da existencia dunha discriminación e da necesidade da súa eliminación, así como coñecedoras e coñecedores das estratexias para levar tal tarefa a cabo. Cómpre, pois, que mulleres e homes xornalistas se formen na perspectiva de xénero. Tamén se teñen demostrado moi útiles na loita contra o sexismo no ámbito xornalístico estratexias como o asociacionismo entre as mulleres da comunicación.

4) A necesidade de formación na perspectiva de xénero, que debe integrarse nos medios de comunicación de xeito vertical (dende as e os directivos até as redactores e redactores, pasando polos múltiples cargos intermedios) e transversal (nas diversas áreas abordadas polo medio).

5) O papel xogado tanto polos medios de comunicación alternativos (dende a rede até a radio e as publicacións impresas), voceiros do movemento feminista e organizado de mulleres pezas chave na concienciación e difusión de todos e cantos problemas afectan de maneira específica ás mulleres.

6) A importancia da creación de redes de comunicadoras e doutras iniciativas mediáticas (como por exemplo, axencias de información) que teñan por obxecto incorporar nos medios de comunicación masivos a perspectiva de xénero. Bos exemplos deste tipo de proxectos son a axencia de información mexicana CIMAC ou a Red Internacional de Mujeres con Periodistas y Comunicadoras-Red Internacional de Periodistas con Visión de Género, creada no 2005.

Con maior detalle este conxunto de conclusións é froito da lectura e estudo das numerosas ponencias presentadas no Foro Internacional… e particularmente do traballo presentado sobre as mesmas conclusións.

No ano 2007 a actividade do Observatorio continúa sendo importante: unhas das últimas novidades que non acadou unha resesa significativa foi os documentos relacionados ca violencia de xénero, penllados baixo o título Dossier: O xornalismo fronte á violencia de xénero .