MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACI?N A NECESIDADE DUN ESTUDO DA REALIDADE GALEGA

Susana Martínez Rodríguez

Volver al índice

 

 

 

 

5.1 Exercicio de mostraxe de La Voz de Galicia

A elección dos días nos que se ía a realiza-lo baleirado da información xornalística decidiuse non en base á aleatoriedade, senón despois dun seguimento do pulso informativo. A finais de abril había varios asuntos cuio protagonismo era netamente feminino: o próximo nacemento da segunda fillas dos príncipes de Asturias, as elección municipais e a paridade nas listas electorais, e a campaña electoral francesa entre Royal e Sarkozy. Decantarse por un só dos feitos, cando se podía ter este amplo espectro, significaba sacrificar unha información que semellaba excepcional na súa coincidencia cronolóxica. A priori supuña que xunto con outros temas habería unha sobrerepresentación da esfera social e política. No eido social, a presenza das mulleres nos medios escritos representaba a faceta máis tradicional; pola contra o eido político significaba a ruptura co pasado, a constatación dunha nova realidade social que parecía que por fin se viña facendo un oco na actualidade informativa. Finalmente a selección de días foi a seguinte: dende o domingo 29 de abril ate o martes 8 de maio do presenta ano de 2007. Esta escolla de días tiña unha vantaxe adicional: dous fins de semanas, cando os xornais engaden ás súas seccións cotidianas especiais e suplementos, nos que existe unha maior variedade de noticias sociais e culturais.

O procedemento de baleirado realizouse da maneira tradicional, lendo con detemento o total dos xornais seleccionados e atendendo ás seguintes noticias:

- Aquelas que estivesen protagonizadas por mulleres, de forma directa ou indirecta.

- Incidiríase na sección ocupada, entendendo por tal e como primeiro paso aquela que marcaba o propio xornal.

- Especifícase a páxina e se é unha noticia ou titular que vai acompañada dunha fotografía.

Polas propias características do medio, non se fixo un seguimento dos autores que asinaban as noticias, o cal dende logo é unha eiva para a análise pero a limitación de recursos asignados ao estudo tampouco permitía que se dispuxera do esforzo adicional que suporía un segundo baleirado da información. Como se sinalou sí se incluíron tódolos suplementos, agás as follas destinadas a anuncios por palabras e a sección de ofertas de emprego das páxinas salmón, adicadas á economía.

Como se amosa no gráfico anterior, a presenza de noticias onde o protagonismo, xa sexa directo ou indirecto, corresponde a mulleres domina nos días nos laborais, nos que tamén o número de suplementos é maior. A media de noticias seleccionadas durante estes dez días é de 19 noticias/día (190 en total) pero fronte a esta media existen grandes diverxencias que cobren un abano que vai dende as 9 ata as 27 noticias.

Respecto aos días laborables da semana semella que a aleatoriedade é a que marca unha maior ou menor presenza de feitos noticiables, particularmente isto é o que acontece entre o mércores 2 de maio e o seguinte día (xoves 3 de maio), que amosa una incidencia de acontecementos relacionados cas mulleres que supera ao sábado 5 de maio.

A análise por seccións sí amosa resultados nos que se aprecian pautas de actuación como as descritas nos capítulos previos desde estudo.

O total de 190 noticias se agrupan nun total de 22 seccións, un número significativo, e que obedece estritamente á división establecida polo propio xornal.

De tal maneira que estas seccións non permiten realmente ter unha achega á realidade que tentan representar. Matínese que as seccións cun número de noticiables máis numeroso son Sociedade e Galicia con 30 cada unha, seguidos de La Voz de Barbanza (23). La Voz de Galicia conta con edicións específicas para una conxunto de zonas xeográficas, que salvo na edición de Madrid se refiren a zonas específicas de Galicia , polo que neste caso que os xornais son da zona do Barbanza, tódalas noticias desta área poderían subsumirse dentro da sección de Galicia, quedando esta cun número superior á sección de sociedade.

Na táboa 5.2 aparece o número de noticias por sección que consideramos que son de ámbito netamente galego, un total de 57 noticias. Dado que este é un estudio circunscrito á realidade galega, o interesante é saber cal é o perfil destas noticias, isto é, independentemente de que se atopan catalogadas como noticias adicadas á actualidade informativa de Galicia cómpre saber porqué se atopan protagonizadas por donas. Para elo se establece un filtrado de segundo grado sobre o primeiro, a traveso do que agrupamos só aquelas noticias cuxa sección estaba catalogada como un feito noticiable que atiñe a Galicia. O resultado amosa unha táboa como a seguinte no que se axustaron o total de noticia agrupadas nunha tipoloxía moito máis restrinxida que a analizada para o conxunto do escrutinio realizado, pero que ofrece a vantaxe de encadrar os titulares por tópicos facilmente identificables (táboa 5.3).

Na táboa 5.4 e no gráfico 5.2 recollemos o resumo da tipoloxía das noticias de ámbito galego. As categorías máis sobresaíntes son: sucesos (32%), política (25%), sanidade (14%) e sociedade (12%). Referentes aos sucesos, a maior parte da información é truculenta, relacionada nun 66% con acontecementos vinculados á violencia de xénero (un total de 12 noticias sobre o total de 18). O pulso da actualidade explica que a segunda categoría con maior presenza sexa a de política: un total de 14 noticias, moitas delas alusivas ao inmediato protagonismo que nestas últimas eleccións municipais tiveron as mulleres. Matínese de que se trata as veces de pequenas entrevistas nos suplementos onde unha candidata – polo seguimento da prensa débese matizar que houbo un interese explícito porque tivesen voz tódolos grupos políticos – expón a súa visión do proceso electoral, ou as propias implicacións polas que se presenta nas listas, en moitos casos por primeira vez, o cal tamén incide na falta de tradición no tratamento desta información por parte dos medios. O feito de que as mulleres se convertan en suxeitos políticos activos ofrece ao xornalista un viso de actualidade onde o que realmente importa – en termos informativos – non son tanto as propostas do grupo que representa a candidata, senón as razóns que a levaron a afrontar un reto desta índole.

Nun segundo grupo de relevancia aparecen as noticias de sanidade e sociedade. Da sección de sanidade aparecen 8 noticias que tratan unha queixa fronte o SERGAS, o feito da asistencia domiciliaria, o emprego da epidural nos partos e a información sexual. No tocante a sección de sociedade no caso da escolla efectuada en lugares de reflectir novidades da denominada “prensa rosa ou do corazón” limítanse a feitos noticiables relacionados ca nova do nacemento da infanta Sofía, un feito que afectou de igual forma á realidade de toda España, e por outro lado a actuacións especificamente realidades intrínsecas da sociedade galega, como é o feito de que a dona máis vella de Galicia ten 110 anos.

Por último, o 58% das noticias van acompañadas dunha foto con representación feminina e no que respecta ao obxecto da noticia (gráfico 5.3), no 57% das noticias o obxecto da mesma é protagonizado directamente por unha muller, na mentres que no 43% restante o obxecto ten un protagonista indirecto feminino.

Se analizamos un pouco máis en detalle as relacións entre obxecto e foto aplicando procedementos de estatística descritiva obtemos os resultados do cadro 5.1. Das táboas de continxencia concluímos que o 35,1% das noticias teñen foto e obxecto directo feminino e que o 34,6% das noticias teñen foto e obxecto directo feminino. Aínda que se podería pensar a priori a existencia dunha relación entre foto e obxecto, o resultado da análise de dependencia ou asociación entre as variables FOTO*OI e FOTO*OD, dinos que non existe una relación estatisticamente significativa entre o obxecto e a presenza de foto na noticia, polo que a inclusión de foto para ilustrar a noticia debe ter outro criterio non relacionado co obxecto.